Cambio de imaxe da histórica Ponte do Asneiro en Cristimil

Daniel gonzález Alén LALÍN

SILLEDA

Daniel González Alén

Luce limpa do mato que ata fai ben pouco case ocultaba os dous ollos

08 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Coma se fora un agasallo dos Reis Magos, onte indo pola estrada que vai de Prado a Vilatuxe, ollamos que a vella Ponte Asneiro, Orneiros ou Ponte Vella, que de todas estas maneiras se lle coñece, aparecía limpa do mato que ata hai ben pouco case ocultaba totalmente os dous ollos que a conforman. Tamén se retiraron algúns troncos e pólas que as enchentes do o río foran deixando contra a ponte e ameazaban con derrubar a súa estrutura. Malia que chuviscaba, baixamos do coche para vela con detalle e ata facer unhas fotos dende a nova ponte, que vai paralela e que agora é a que usan xente, gando e vehículos.

A ponte que neste punto salva o río Asneiro, foi privada do seu peitoril a mediados do século pasado para que puideran atravesala os autobuses das feiras e os camións de madeira e mercadorías, antes de que se fixera outra para a nova estrada que vai de Prado a Vilatuxe, e tamén polas enchentes que de cando en cando superan a plataforma da ponte, agarda aínda unha axeitada restauración, pero por algo se empeza.

En máis dunha ocasión temos publicado en distintos medios, a situación de abandono na que se atopa esta ponte. Este elemento patrimonial figura catalogado por Patrimonio e rexistrado entre os bens de interese cultural do noso municipio e dende alúmenos o século XVII, enlazaba co importante camiño real que por Bendoiro e Prado, baixaba cara a ponte Taboada sobre o Deza e seguía por terras de Silleda, rumbo a Compostela.