Silleda acolleu a presentación da nova edición do programa «Monumenta»

La Voz LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

Miguel souto

21 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lourenzo, presentou onte no Mosteiro de Carboeiro a nova edición do programa Monumenta, andar con arte. Esta actividade está enmarcada na celebración do Xacobeo 21-22 e a Xunta ofrece no seu programa un ciclo de rutas a pé combinadas con experiencias culturais que pasan por catorce localidades.

O punto elixido para dar a coñecer a iniciativa foi o Mosteiro de Carboeiro, en Silleda, de onde partirá o último dos catorce percorridos que terán lugar do 6 de agosto ao 12 de setembro. Nesta nova edición continúase coas prácticas que identifican o ciclo, como son as visitas ao patrimonio monumental ou etnográfico ou o equilibrio entre a divulgación e o lecer.

Lourenzo destacou que Monumenta 2021 vai máis alá no apoio á cultura, deste xeito reforza a presenza literaria, o cinema, a arte contemporánea, o rural, a economía circular ou a participación social. Outra das novidades desta edición do ciclo cultural é a aproximación ao Bierzo cunha andaina en Congosto do Bierzo. Tamén se referiu á presenza de 31 profesionais do patrimonio cultural que estarán presentes nas camiñadas para contar historias de cada percorrido.

Monumenta 2021 arranca o 6 de agosto no municipio coruñés de Pontedeume. Pasará por varias localidades das catro provincias galegas. O percorrido da Vía Mariana luso galaica de Cerdedo-Cotobade e a ruta silledense dende Carboeiro a Kumano Kodo en Xapón figuran entre as rutas do programa que busca o equilibrio entre a divulgación e o lecer.