Vacas ao lonxe

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

SILLEDA

Asemana pasada, unha vaca escapou na lonxa de gando de Silleda, cando a levaban para a subasta. Pouco lle durou a alegría e a liberdade, xa que a pillaron axiña. Non nos enganemos: as vacas non son animais malos de pillar, nin sequera cando moscan no herbal ou cando andan ao boi: unha corda co nó preparado para poñerllo nos cornos, unha verza para atraela e algo de aloumiños se te coñece, algo de paciencia e xa está. Son tan amigas da corte que, chegada certa hora da tarde, despois de pacer no herbal o suficiente, son elas as que se poñen mirando cara a portela ou cara a casa esperando que lles abran o ou que vaian por elas. Non lembro aventuras, nin fugas. As que houbo foron máis ben accidentes, como caer ao río e non saber como subir, ou despistarse ao ir comer algo que lles gustaba e perder o rumbo das compañeiras. Non son cans, que marchan a miúdo uns días antes de ventar a morte e volven no momento. Ou gatos, que tanto se perden nas xaneiras como se metían en sacos ou remolques. Nin sequera cabalos. Por iso o caso da vaca de Silleda me chamou a atención: algo viu alí que non lle gustou nada. Lembroume a aquela polaca, cerca do lago Nyskie, a principios do 2018: escapoulle aos transportistas, tronzou a rexa, púxose a nadar por ese lago e quedou na illa buscando unha nova vida. Non sei que sería dela, pero os veciños pedían, con razón, que a indultasen e quedase alí. Ben o merecía.

O que pasa é que eu só podo falar da vacas da miña xeración, que son de moitos anos. Igual as de agora son diferentes, teñen outro carácter ou andan como a xente moza, cos novos tempos. Máis independentes, con ansias de liberdade e de ver mundo. Se cadra, de ver as corredoiras que as súas avoas coñecían mellor ca min.