Sara Blanco Gil: «A corresponsabilidade existe só de nome e hai que equilibrar a balanza»
SILLEDA
Dirixirá unha proposta integrada por actividades formativas para unidades familiares
01 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Exerce a profesión que soñaba. Dende cativa sabía que o social era o ámbito ao que se quería dedicar e fai súa a frase: «Elixe un traballo que che guste e non terás que ir a traballar ningún día da túa vida». Sara Blanco Gil (Silleda) está centrada, dende o pasado ano 2019, na área de Educación Social e Familiar dos Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Silleda.
-A titulación de educadora social naceu nos anos 90, pero suscita aínda dúbidas.
-Segue a ser unha profesión moi descoñecida. De feito actualmente os educadores sociais estamos en loita reclamando unha Lei de Regulación desta profesión para esclarecer os límites da mesma e evitar o intrusismo laboral. A educación social está presente en todas as áreas vitais da persoa. A nosa profesión é de carácter pedagóxico e busca a intervención para modificar determinadas situacións sociais, todo esto evitando o asistencialismo e utilizando a educación como fórmula mediadora entre a persoa e a sociedade.
-Neste mes comeza o programa HERA, en que consiste?
-É un programa que nace como resposta a unha necesidade que fomos vendo nos diversos contextos familiares cos que traballamos. Chega, polo tanto, coa idea de quedar. É unha proposta que integra varias actividades de formación para familias que se prolongarán ao longo do ano. Trata pois de ofrecer ferramentas para a xestión das múltiples áreas vitais familiares; dende a crianza pasando pola educación, economía, prevención de drogodependencias e malos hábitos, organización doméstica e recursos. Queremos ofertar un espazo de encontro para a diversidade de familias, un espazo xerador de intercambio de experiencias e unha formación en habilidades sociais para afrontar as problemáticas cotiás coas que debemos lidiar día a día.
-Dirixido entón ás familias.
-Ás familias e a todos os membros das mesmas que queiran participar.
-Con que obradoiros comezan?
-Neste mes de febreiro teremos dous, que realizaremos en colaboración con Acode. Un versará sobre xestión económica doméstica e o segundo será escola de pais, nais e proxenitores. As sesións serán luns e xoves, en horario de 10 a 13 horas na Casa da Cultura e dicir que a participación é gratuíta.
-Para a muller as tarefas domésticas e para o home o traballo fóra. Iso mudou ou segue sendo unha realidade?
-Quero pensar que estamos avanzando neste aspecto. Segue a estar moi presente toda clase de estereotipos na sociedade, en maior medida cando falamos do noso rural. Grazas ao movemento feminista estase reclamado un cambio moi necesario. Un cambio que nos permita romper ese teito de cristal e eliminar esas grandes inxustizas nas diferencias salariais, no acceso laboral e mesmo na corresponsabilidade na crianza dos cativos. Ainda así seguimos a ser nós na meirande parte as que estamos pendentes dos produtos que hai que mercar, de saber as horas das actividades extraescolares dos fillos ou de cando lle toca a revisión pediátrica. Todo o que teña que ver coa organización e economía familiar segue a ser algo estereotipado e que lle corresponde á muller.
-A corresponsabilidade existe entón só de nome?
-Pos suposto que sí e hai que equilibrar esa balanza. É unha realidade inegable que segue a darse en familias de todas as idades. Seguimos co de antes. É un tema cultural que está presente na nosa sociedade e penso que nos vai custar moito superalo.
É. Técnico Superior de Integración Social e Diplomada en Educación Social (USC).
Proxectos. Está pechando unha nova edición da Escola de familias e ultimando as sesións do programa afectivo-sexual nos colexios do municipio, dirixido a 6º de Primaria e Eso.
«Pretendemos dotar aos pais de ferramentas para unha parentalidade positiva»
Nas actividades de formación para as familias, que se poñen en marcha neste mes, aportaranse pautas sobre o consumo responsable para adquirir pautas encamiñadas a facer un axuste de necesidades.
-Debemos evitar o consumismo de produtos innecesarios e buscar o equilibrio entre a economía, a necesidade individual ou familiar e o respecto ao medio ambiente e social.
-Que é a ecoloxía doméstica, cuestión sobre a que incidirán?
-Trata de que cada unidade familiar sexa responsable co medio ambiente. Son pequenos xestos como ir coa bolsa da compra reutilizable, separar o lixo, non abusar de deterxentes... Daremos tamén pautas de aforro no consumo de auga, enerxía, na factura de teléfono...
-Cal é o obxectivo da escola de pais?
-Abordar temas relacionados coa crianza dos fillos con contidos que den resposta a preocupacións xenéricas que os pais nos facemos respecto da educación dos cativos. Pretendemos dotar aos pais con ferramentas e habilidades para unha parentalidade positiva.
-Seguro que máis dun proxenitor preguntou polo control no uso das novas tecnoloxías.
-Moitos. O uso das novas teconoloxías non é malo. O malo é o abuso. O papel do pai é controlar os tempos a accesos na rede. Non todos os bloqueos funcionan e hai que telo en conta. Non debemos deixalos acceder á rede de xeito libre e deben coñecer os perigos que tamén tén.
-A miúdo fálase de comunicación positiva pero, que é?
-É buscar a maneira de comunicarnos cos fillos dunha forma sertiva. Trátase de eliminar unha comunicación destructiva ou que afecte negativamente á persoa. Un pai debe alentar ao fillo a mellorar e animalo.