«Coas axudas dotamos orfanatos de Mozambique con lavadoras»

amelia ferreiroa

SILLEDA

Rober Amado

Silleda, como socio do Fondo Galego de Cooperación, participa en accións de desenvolvemento de países pobres

24 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Os socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, 97 concellos; entre eles o de Silleda, e tres deputacións, coñeceron nunha xuntanza celebrada en Barro o balance dos proxectos levados a cabo en países empobrecidos ao longo do pasado ano. Encontro ao que asistiu a concelleira de Benestar e Igualdade Pilar Peón.

-Que significa pertencer ao Fondo Galego de Cooperación?

-Traballar por e para as persoas máis desfavorecidas doutros países e para elo lévanse a cabo distintos proxectos en países do mundo.

-Cales foron as intervencións máis importantes do 2018?

-Na xuntanza que se fai todos os anos, unha en cada provincia, fálase dos proxectos feitos e dos que se intentarán levar a cabo. Ser socio do Fondo de Cooperación significa dar resposta a necesidades. Así o ano pasado despois do terremoto de Guatemala rehabilitáronse cinco vivendas grazas aos cartos dos socios, e neste caso tamén con aportacións de todos os silledenses. Todos os anos responsables do Fondo de Cooperación visitan os traballos que se realizan e coas axudas dotamos a dous orfanatos de Mozambique con lavadoras e cociñas que non tiñan. É importante saber a onde van os cartos e con esa aportación saber que estás axudando a que outras persoas teñan unha vida máis digna é unha satisfacción.

-Que proxectos teñen para este ano?

-Seguir traballando para consolidar o proceso de paz en Colombia, apoiar a oenegés galegas en Guinea Bissau e a través da Fundación Pedro Poveda colaborar con colexios de Guatemala na promoción da educación integral na sexualidade ao existir moitos problemas de violencia de xénero e embarazos en adolescentes e pre-adolescentes. É un proxecto financiado íntegramente con cartos do Fondo e dos veciños.