Silleda lembra os seus represaliados

Daniel González Alén LALÍN

SILLEDA

Daniel González Alén

Un grupo de veciños visitou a illa de San Simón, que foi campo de concentración para os presos políticos

19 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Uns corenta veciños de Silleda, algúns deles descendentes dos represaliados polo franquismo durante a Guerra do 36, visitaron o pasado fin de semana a illa de San Simón no Concello de Redondela, que naqueles anos negros da nosa historia converteuse en campo de concentración ao que foron parar vinteoito silledenses e case un cento de dezaos acusados de pertencer ou simpatizar co bando republicano.

A visita foi organizada pola Asociación de Mulleres Rurais Arumus de Siador e principiou polas terras do Morrazo con parada en Cabo do Home e Hío na xornada de mañá.

Momentos de emoción

Logo de xantar, o grupo embarcou en Cangas e despois percorrer a fermosa ría de Vigo, xa

na illa o profesor e concelleiro de Silleda, Marías Rodríguez da Torre, fixo de guía ofrecendo unha pormenorizada referencia histórica deste enclave que foi antigo mosteiro que cantaron os trobadores medievais, testemuña da batalla de Rande, leprosería e lazareto no século XIX e campo de concentración para os presos políticos durante a contenda do 36.

Durante o percorrido polas edificacións e xardíns da illa houbo momentos de emoción e mesmo bágoas ao lembrar algúns dos presentes aos seus familiares que fai agora noventa anos estiveron recluídos aquí.

Saída para ser asasinados

Algúns destes represaliados, saíron da illa para ser asasinados coma o entón alcalde Emilio Alonso Paz cuxa neta María Xosé participou nesta visita, Manuel Noya ou Miguel Nicolás. Outros pasarían a cadea de Pamplona, caso do tenente de alcalde Silleda, Daniel Sánchez Mallo do que a súa filla Argimira, Cachita, prepara unha biografía ou Xoán Fontao, tío de María del Carmen Sánchez Fontao, presidenta da Asociación que programara a visita.

Os que tiveron mais sorte foron ceibados logo de pasar mil calamidades naquel campo de concentración como recolle Eduardo Mosquera no seu libro autobiográfico titulado Catro anos a bordo dunha illa.

De volta desta emotiva e evocadora visita, os participantes nesta viaxe embarcaron cara a Cangas, pasando baixo a ponte de Rande que está en obras, contemplando as paisaxes da ría de Vigo sen sospeitar que intres despois o lume incendiario deixaría nelas a súa pegada e puideron ollar un solpor coas illas Cíes no horizonte.