Trompeta Vilar

josé costoya valo

SILLEDA

08 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Integreime na Banda de Silleda no ano 1947 e formei parte dela durante varios anos. Aínda que hoxe en día xa non pertenzo a ela, síntome coma un máis.

Comecei os meus estudios co profesor Brey facendo moitos esforzos por aprender. Ía camiñando desde Vilar ata Chapa unha vez por semana durante tres meses. A formación continuou despois con Francisco Beristain, que procedía do exército, e como tal esixía moita disciplina. Ao chegar á casa seguía practicando durante horas todos os días. Sempre tiven interese por mellorar e tratei de aprender de todos un pouco ao longo da etapa en activo. A Banda de Música Municipal de Silleda tivo ao longo da súa historia moitos directores dos que non quero deixar de mencionar a Beteta, un home de carácter forte e no que eu me fixaba para saber estar.

Recordo con ilusión os 28 días que tocamos no mes de agosto, dos cales dez tocamos na Coruña durante as festas de María Pita a mediados dos anos cincuenta, festas para as que nos contrataron e nas que dabamos un concerto pola mañá e outro á noitiña. Daquela tamén nos chamaron de radio Coruña para gravar unhas pezas.

Sempre que podo acudo a concertos e concursos da banda: Pontevedra, Santiago, Madrid e outros pobos e cidades. Para min, especial e entrañable, foi o concerto no que participou en Altea gañando o primeiro premio nesa terra de músicos que é o Levante. Naquel auditorio tan impresionante e con tantas persoas de talento musical sentinme moi pequeno pero moi feliz.

O día 30 de abril de 2017 tivo lugar a estrea do pasodobre «O trompeta Vilar» no Auditorio da Semana Verde, peza composta por Juan Lois Diéguez, antigo integrante da Banda de Silleda e actualmente formando parte doutras agrupacións musicais. Nesa estrea vinme arroupado pola miña familia e acompañado polo pobo de Silleda que acostuma asistir aos concertos. Dentro de min afloraron moitos sentimentos aos que resulta difícil poñer palabras. Algunhas poden parecer contraditorias: nostalxia, alegría, morriña, felicidade,...

Por último, quero dar as grazas ao director Rafael Agulló, a Juan Lois Diéguez, a Simón Couceiro, a José encargado da escola de música, a Herminio presidente da banda, aos irmáns Vidueiros que me informan e contan comigo e a todos os compoñentes da miña banda que fan que me sinta respectado e querido por eles.