«O sector da construcción é un dos responsables do cambio climático»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

Natalia Campos Ferro formouse en permacultura e sustentabilidade integral.
Natalia Campos Ferro formouse en permacultura e sustentabilidade integral. R. Z. F.< / span>

A arquitecta Natalia Campos Ferro, que recentemente abriu despacho en Silleda, di que urxe unha nova cultura construtiva baseada na sustentabilidade

15 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha visita coa súa nai, sendo só unha cativa, ao estudo dun arquitecto marcaría o seu futuro profesional. Natalia Campos Ferro (Vigo, 1984), que recentemente abriu a súa propia oficina en Silleda, insiste en que o decatarse pola arquitectura foi vocacional.

-Igual que outras persoas queren ser músicos, mestres, carpinteiros ou futbolistas, eu quería facer casiñas. Fun medrando, tiña boa visión espacial, intereses artísticos e capacidades para as asignaturas máis técnicas así que xa tiven a certeza de que isto ía ser o meu. Tiña claro que o de ir a universidade só tiña sentido se era para estudar arquitectura e, o único momento, en que iso fraqueou foi durante a miña época de estudante cun plan de estudos mal deseñado e obsoleto e un profesorado egocéntrico, irresponsable e pouco motivado.

-¿Que é o que máis lle satisface da súa profesión?

-Malia que creo que a arquitectura e a enxeñería sempre estiveron sobrevaloradas como motores de mudanza social e económica, penso que é unha profesión de gran utilidade para as persoas. A todos nos gusta disfrutar de espazos funcionais, confortables e estéticamente agradables. A arquitectura, pola súa escala, se posiciona nos sitios intermedios, é esa membrana que aparece entre a natureza e a persoa, o público e o privado.

-¿Arte e enxeñería a partes iguais?

-É unha disciplina a medio camiño entre as artes e a enxeñería. É un baile de cálculos, normativas, creatividade, economía, psicoloxía e despois están os días en que vas á obra, acabas pingando e cos zapatos cheos de lama. É fermoso! Podo asegurarche que nunca me aburro. É importante poder acompañar aos clientes no proceso de materialización da obra que pasará a converterse na súa vivenda ou en espazos de traballo; iso é importantísimo para min.

-Coa morea de edificacións que temos na actualidade, ¿non hai abonda construcción para os vindeiros anos?

-Non quero dicirlle a ninguén o que debe facer nin como ten que vivir pero, dende o meu punto de vista, e malia que estou tirando pedras contra o meu propio teito, creo que xa chega. Xa é dabondo! Temos un montón de edificacións que se poderían rehabilitar para que fosen vivendas eficientes, confortables e fermosas. Rehabilitar é para min poñer en valor o noso pasado, aceptar de onde vimos, respetalo e mantelo vivo. A min non me vale aquelo de «polo prezo que custa arranxalo, mellor merco un novo». O sector da construcción é un dos grandes responsables do cambio climático e da perda de biodiversidade.

-¿Hai que reprantexarse entón determinadas accións?

-Cada vez que construimos consumimos enerxía e materiais polo que contribuimos ao agotamento duns recursos que son finitos e pode ser que no futuro alguén precise estes recursos máis ca nós. Urxe dende logo unha nova cultura da construcción baseada nas pautas da eficiencia enerxética e na sustentabilidade.

-¿Unha aposta firme pola bioconstrucción?

-Acredito nunha arquitectura sostible a nivel ecolóxico máis tamén económico e social. Aposto por unha arquitectura responsable que sexa xerada dende o entendemento do sitio, coas súas condicións xeográficas, climatolóxicas e tamén ecolóxicas, socioculturais e económicas eficaz que se poña ao servizo das persoas, que supoña un mínimo impacto na contorna e non empregue máis recursos que os que sexan estrictamente necesarios.

natalia campos ferro arquitecta con estudio en silleda

«Rehabilitar é poñer en valor o noso pasado, aceptar de onde vimos e respetalo»

«Non me vale aquelo de polo prezo que custa arranxalo, mellor merco un novo»

«Edificios en Silleda con catro andares é ilóxico»

Natalia Campos Ferro, arquitecta egresada pola Escola Técnica Superior de Arquitectos da Coruña, recén acaba de aperturar oficina en Silleda coas miras postas - ao mellor- nun horizonte de posible recuperación do sector constructivo.

-Non nos prepararon para o que se nos viña encima. Somos unha xeración egresada en plena crise, cunha formación ríxida e pouco conectada coa realidade. Era como que todos íamos acabar traballando nun gran estudo de arquitectura, gañando concursos polo mundo e facendo arquitecturas espectaculares que estarían presentes nas revistas máis especialidades. Unha loucura! Non me gusta falar de recuperación. Non quero que nos recuperemos e voltemos a facer as cafradas que se fixeron no pasado. Non me parece lóxico que vilas coma Silleda teñan edificios de catro andares. Eu vexoo coma unha oportunidade. O vello xa morreu. Estásenos a dar a oportunidade de ser creadores do que está por vir. Non me quero marchar para fóra; eu quero quedarme aquí e tentalo. Deza é un sitio moi suxerente para vivir e traballar.

-Atrás deixa diversos proxectos de cooperación...

-Estiven becada pola Universidade da Coruña nun proxecto de coñecemento da realidade de Arquitectura sen Fronteiras en Retalhuleu, en Guatemala. Alí fixemos unha avaliación da área de habitabilidade básica do proxecto de cooperación Oxlajuj tz?ikin; de desenvolvemento integral promovido pola Xunta de Galicia que durou catro anos, e que abrangaba as áreas de educación, sanidade, producción e soberanía alimentaria, saneamento básico e habitabilidade básica. O noso traballo consistiu en avaliar a habitabilidade básica facendo enquisas ás familias beneficiarias, entrevistas aos axentes do proxecto e desenvolvemos tamén inspeccións técnicas ás distintas vivendas.

-Obtivo o seu certificado de deseño de permacultura en Portugal, ¿en que consiste?

-No ano 2013 estiven no Instituto de Permacultura en Vale de Lama, en Portugal, e alí me formei nesa disciplina e tamén en sustentabilidade integral da man da mestra australiana Rosemary Morrow; unha das pioneiras do desenvolvemento de proxectos de permacultura. A permacultura propón sistemas sostibles (producción de alimentos, abastecemento da enerxía, xestión de auga, organización de infraestructuras e deseño da paisaxe) que se basean en tres principios éticos: o coidado da terra, das persoas e o reparto xusto.

«Conservar as variedades autóctonas é fácil e conéctanos coa nosa tradición»

Natalia tamén profundizou no pasado exercicio no estándar passivhaus, o estar como becaria en Casadobe. Unha estadía que lle permitiu, salienta, coñecer máis dito estándar que ten a súa orixe en Alemaña e que partindo da arquitectura bioclimática procura casas eficientes con demandas enerxéticas moi baixas e emisións de CO 2 tamén moi baixas.

-A verdade é que me atrae moito a idea de fusionar este xeito de construir eficiente con materiais de baixo impacto ambiental e de baixo custo económico.

-Unha arquitecta mergullada na primeira edición do Troca e Sementa que se fixo na Praza de Abastos de Lalín, ¿como se asocia unha cousa coa outra?

-Tratábase de crear un grupo da Rede Galega de Sementes no Deza xa que a rede galega está facendo un traballo fantástico na conservación de variedades tradicionais. A miña participación no Troca e Sementa é pola fascinación que teño polas sementes e polo potencial de vida que gardan dentro. Os patróns de crecemento da natureza son perfectos, eficaces, sostibles e fermosos. Quen me dera deseñar arquitecturas como fai a natureza!

-¿É unha mágoa que se perdan as variedades autóctonas?

-Creo que é unha lástima. Conservar as variedades autóctonas é fácil e barato, conéctanos coa nosa tradición, coas sementes que as nosas familias e veciños cultivaron durante anos, son variedades fortes, adaptadas ao medio de xeito natural e sen modificacións artificiais que iso me dá moito medo.