Medio cento de participantes recrearon na parroquia lalinense a antiga tarefa do agro entre a espectación dos máis novos, e a nostalxia dos máis vellos
26 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.«A malla era dura, pero ¡qué ben o pasabamos!» comentaban onte algúns maiores, non sen certa nostalxia, mentras os males caían sobre trigo amontonado en Doade con motivo da celebración da malla tradicional. A parroquia lalinense xuntou onte pasado e presente coa intención de traer á actualidade unha tradición que perdurou décadas e que dende hai oito anos se recupera en Doade da man da Asociación de Amigos do Museo Casa do Patrón.
Durante toda a mañá, mulleres con panos na cabeza e sombreiros de palla acompañáronse de homes ataviados de labregos, boina e chaleque incluídos, que se preparaban para unha das tarefas máis tradicionais do campo galego: a malla. Ás doce do mediodía, co sol apretando, e ao berro de «¡vamos!»deu comezo a tarefa. Varios centos de persoas, das que boa parte ían pertrachadas coas correspondentes cámaras dixitais, desfrutaron en primeiro lugar da malla a pedra. Veciños da parroquia comezaron a mallar no trigo que as máis veteranas do lugar xuntaron coas vasoiras feitas de xesta para logo pasar o gran pola peneira.
Trala malla en pedra chegou o momento máis vistoso para os que se achegaban a Doade por primeira vez, a malla con males. Case unha ducia de homes bateron no cereal cos tradicionais males unha e outra vez. Primeiro co ritmo cambiado, e logo ao unínsono, os males extraeron do trigo o cereal ao tempo que os participantes compartína unha bota de viño e un porrón de auga. O aplauso dos asistentes, e un aturuxo marcou o final do rito con males.
Malladoras antigas
A terceira das partes nas que se divide a malla tradicional que cada verán se revive en Doade é a protagonizada polas malladoras. Dúas máquinas dos anos trinta foron as encargadas de mallar a meirande parte do trigo acumulado para a ocasión. Ao final, os preto de sesenta participantes que tomaron parte na tarefa, formaron un palleiro que, tras unha primeira tentativa frustrada, acumulou os restos do cereal. Ademáis, para rematar con bo sabor de boca a labor, nada mellor que degustar un anaco de pan cocido no forno de leña, acompañado dun bocado de queixo.
Público variado
Aínda que boa parte da xente que participa na malla de Doade son vellos coñecidos que repiten, onte na parroquia lalinense atopábanse visitantes que acudían por primeira vez, como era o caso de dúas pontevedresas que visitaron o Museo no inverno e decidiron achegarse onte ao lugar para desfrutar en directo da malla. De máis lonxe, de Sevilla, proviñan outros visitantes que se amosaban encantados coa demostración que acababan de presenciar, ao igual que a «labrega» máis nova que desfrutou onte da malla de Doade, e que, vestida acorde coa ocasión, non contaba máis de catorce meses.
Ao igual ca en anteriores edicións, para complementar a demostración da malla tradicional, varios artesáns, entre os que había un oleiro de Guindivós e unha tecedeira de sombreiros de palla de Silleda, puxeron a nota artesá mentras Os Trasnos se encargaban da música.