Cinco imaxes da Virxe, tres etapas e centos de devotos na celebración anual
16 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.A celebración da Ascensión no val de Camba, en terras do Concello de Rodeiro, é unha das máis senlleiras e concorridas de cantas teñen lugar na comarca de Deza nos nosos tempos. Nela participan dende tempo inmemorial os veciños das parroquias de Santa María de Río, San Xoán de Camba, Santiago de Fafián e Santa Baia de Camba, que percorren en procesión en tres domingos consecutivos próximos a festividade da Ascensión do Señor, as catro parroquias de Camba, portando a imaxe viaxeira da Virxe da Ascensión de Río, á que lle saen ao paso para recibila e despedila as outras catro imaxes marianas acompañadas polos fregueses, logo de asistir ás misas nas igrexas de principio e final de cada tirada.
A primeira etapa tivo lugar o domingo 29 de abril, entre as parroquias de Santa María de Río e San Xoán de Camba. Na igrexa desta última e logo da liturxia ficou a imaxe da Virxe viaxeira de Río ata o domingo seguinte, o día 5 de maio, cando continuaría viaxe ata Santa Baia de Camba, pasando por Santiago de Fafián, onde lle saíu ao encontro a imaxe mariana desta parroquia, logo de que no lugar de Outeiro, célebre pola súa tulla-fortaleza e a vila romana de Porta de Arcos, os veciños guindaran flores ao paso da procesión. A terceira e última das tiradas celebrouse o pasado domingo, día 12 deste mes de maio, con inicio en Santa Baia de Camba, onde a imaxe da Virxe do Carme desta parroquia despídeo á da Ascensión de Río, que a medio camiño foi recibida pola outra imaxe da Santa María patroa de Río, que trouxeron os veciños acompañados dos gaiteiros dende a igrexa ata o lindeiro da parroquia. Chegados a Río, houbo misa e procesión ata o cruceiro e arredor do adro.
Poxa para portar as andas
Para introducir as imaxes nas igrexas os máis devotos poxaron, como é costume, polo privilexio de portar as andas, que nas procesións van a relevos, percorrendo os quilómetros que separan as catro igrexas implicadas na celebración. Outro ritual que se mantén é o de pasar os fieis por baixo das imaxes da Virxe ao rematar as procesións diante das igrexas do percorrido. Contan os veciños máis vellos que, noutro tempo, as tres procesións que se celebran pola Ascensión tiñan por finalidade pedir boas colleitas e escorrentar as tronadas que nestes días da primavera estragaban campos e froitos. Hai abundante pólvora e é doado que participe algún grupo de gaitas, nesta ocasión a Banda de Gaitas do Concello de Chantada.
Na parte profana, en San Xoán de Camba houbo xantar de confraternidade no campo da festa ao remate da primeira das tres xornadas, que pagaron os propios veciños, na que non faltou a música nin quen se animara a bailar, e na última das xornadas os de Río fixeron festa con sesión vermú, xantar nas casas con festeiros e verbena na véspera, que este ano amenizou o Dúo Explosión.
Este ano estivemos na derradeira das etapas, de Santa Baia de Camba a Santa María de Río, e trouxemos reportaxe fotográfica da que publicamos aquí unha mostra, co afán de deixar constancia para o futuro e dar idea desta senlleira e tradicional celebración que mantén a entusiasta e devota veciñanza do Val de Camba, que convoca o párroco de Rodeiro e vice-arcipreste de Deza, Alvito García Fente, e maila que o tempo non axudou nas dúas primeiras etapas, nas que se precisou o paraugas, foron moitos os fieis que participaron nesta celebración ancestral, que conxuga a fe, a tradición, a diversión e a unión das parroquias de Camba.