O templo deste núcleo de Rodeiro atesora sepulcros e inscricións de interese, e escudos a Casa do Remesar
02 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.O San Estevo diácono e protomártir en Xerusalén, é o patrón de catro parroquias dezás: Cadrón e Barcia, en Lalín, e Salto e Carboentes, en Rodeiro. As catro tiveron desigual celebración no propio día 26 de decembro: En Carboentes e Cadrón con grande concorrencia de devotos, houbo misas cantadas, procesións, sesión vermú, xantares con festeiros e animadas verbenas nocturnas na primeira coa orquestra Los Trovadores e en Cadrón, coa charanga Ardores e o dúo Pachi e Montse, mentres que en Barcia e Salto, conformaron con misa rezada, con celebracións moi vidas a menos polo tempo de inverno, aínda que nesta ocasión, tiveron un día solleiro.
Na actualidade o patrón San Estevo, non é a festa principal en ningunha das catro parroquias. En Cadrón é a das Ermidas, en Carboentes o Rosario, e en Barcia o Carme co «polo á brasa». Das tres temos publicado reportaxes recentemente, mentres que en Salto, tamén é a da Virxe do Carme a festa principal, e tempo atrás celebraban a Virxe do Buen Amor, deica que unha pelexa cun morto por mor dunha moza, estragou a romaría hai medio século e non se volveu celebrar máis.
A igrexa de Carboentes
Habendo onde escoller, fomos o San Estevo de Carboentes e aproveitamos a ocasión para ollar na súa igrexa, unha interesante inscrición inédita da que nos dou conta o párroco e amigo Alvito García Fente, e ao tempo anovar as fotos desta igrexa que conserva, malias reformas que sufriu a partir do século XVIII, moitos elementos da antiga románica, destacando os catro capiteis do dobre arco triunfal con imaxes de humanas, monstros e xeométricas, unha delas co profeta Daniel no foxo dos leóns e outra co voo de Alejandro Magno entre dous grifóns; unha variada colección de canzorros con semellantes motivos e métopas baixo a sopena do tellado que coroa o Agnus Dei románico que foi privado da cruz que tivo .
A inscrición da que dera noticia o profesor Hipólito de Sá nos anos 70 na súa obra Rutas del Románico, pasa desapercibida por estar boa parte dela oculta tras un altar lateral barroco. Porén só puidemos ollar parte da inscrición con caracteres góticos que abrangue dúas lousas, unha delas de pedra gra e a outra de xisto, sin que poidamos polo de agora, ofrecer unha interpretación da mesma. O párroco ofreceuse para máis adiante coa axuda dun carpinteiro, mover o retablo de xeito que poida ollarse enteiramente a inscrición. Pola proximidade dela a un sepulcro con arcosalio e estatua xacente dun personaxe con hábito monacal, coidamos que pode pertencer a familia da casa fidalga de Remesar e relación cos mosteiros de Dozón e Oseira que aquí tiveron posesións e dominio.
Outros dous sepulcros atópanse nunha capela lateral con bóveda de crucería, na que tamen se poden ollar un par de canzorros románicos que ficaron no interior cando construiú coma capela fúnebre dos de Remesar e que agora serve de sancristía. Un dos sepulcros finamente decorado con flores e estrelas, dise que pertenceu ao marqués de Remesar e seica ten unha inscrición que agocha unha lacena que sería bo retirar. O outro, que semella non ter sido usado, está tapado por unha mesa.
Polo demáis da igrexa faltaron décadas atrás pezas de notable antigüidade e valor coma unha imaxe da Virxe do Buen Amor que ollamos nas mans do mestre Xulio Lois e un baldaquino coas figuras de Adán, Eva e os seus fillos Caín e Abel, que catalogara Ángel del Castillo. Consérvanse os tres retablos barrocos do século XVIII, con dúas imaxes do santo patrón, unha delas moi antiga, destacando tamén as de San Antonio, San Roque, San Bernardo e a da Virxe do Rosario que preside un fermoso altar lateral.
Fronte a igrexa está a casa reitoral construída a primeiros do século XIX, mercada recentemente polos veciños para convertela en centro social e librala da ruína na que se atopa.
A casa fidalga de Remesar
No lugar de Remesar agora abandonado, localizase a casa fidalga referida que tamén se coñece como a casa do Coxo , con dous escudos de armas dos Varela, López e Taboada que ficaron ocultos no interior do curro cando se reformou a casa no século XIX, dos que demos conta hai 40 anos aos da Asociación de Amigos dos Pazos para incluíla no seu Inventario e tivemos ocasión de retratalos anos despois cando a morada aínda estaba habitada, e que agora ofrecemos aquí en primicia.