Rodeiro busca ser capital da caza

amelia ferreiroa

RODEIRO

miguel souto

25 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Ao carón dos fogóns, «para estar no marco da actividade a celebrar», en Casa Achacán, presentouse onte a nova edición da Festa da Caza de Rodeiro que presenta varias novidades, según o alcalde Luís López. Así por primeira vez o evento nace para manterse nunha data fixa, establecida para o terceiro fin de semana de novembro coincidindo coa tempada de caza. Iniciativa que contempla a celebración dunhas xornadas gastronómicas ao longo de todo o próximo mes. «O obxectivo é que haxa xente todo o ano e que se vincule caza con Rodeiro», dixo López. O concelleiro de Turismo Pablo Sobrado foi o encargado de debullar polo miúdo o programa que arrancará coa entrada de novembro con menús de caza que se servirán nos distintos establecementos hostaleiros da vila previa reserva. Para os días 2,3 e 4 están previstas degustacións de xabaril nos locais de Rodeiro mentres que o día 10 estará centrado nos cogomelos. Haberá saída didáctica polas proximidades do Camiño de Inverno para potencialo e posterior degustación en Casa Sánchez. O prato forte da festa, según puntualizou Sobrado, «será a fin de semana do 16 en que teremos cea de confraternidade de cazadores». O sábado abrirase cunha Rutaferencia; ruta sobre rodas para coñecer os recursos turísticos do municipio, e dar paso á Barferencia; charla sobre as lendas das Terras de Camba e rematar con cantos de taberna. O domingo haberá degustacións de produtos e actividades para todos os públicos.