O cardeal de Rodeiro que foi santo en vida

daniel gonzález alén LALÍN

RODEIRO

Daniel González Alén

Frei Manuel García Gil, recoñecido como «El Santo Gallego», non foi canonizado máis dun século despois de falecer

21 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O caso do cardeal frei Manuel García Gil ( Rodeiro 1802-Zaragoza, 1881) é ben singular: recoñecido como «El Santo Gallego», pasado mais dun século do seu falecemento aínda non foi canonizado sen que se saiba a razón. O fillo ilustre de Rodeiro foi un «santo en vida» contra do que rexe na Igrexa Católica que require ter morto e obrar algún milagre, e curiosamente ten unha rúa co seu nome en Zaragoza onde tamén é fillo adoptivo, e pola contra aínda ten pendente unha na súa terra natal.

A pequena parroquia de San Salvador de Camba, foi berce de ilustres persoeiros xa que ademais do referido frei Manuel García Gil do que daremos detalle neste artigo, viu nacer a Francisco Xavier Vales Faílde (Rodeiro 1872- Madrid 1923) emparentado co cardeal, sacerdote e escritor, membro das academias reais da Historia e Xurisprudencia, xuíz auditor do Tribunal de Rota, capelán do Rei Alfonso XIII, confesor da rexenta María Cristina de Habsburgo, morto en estrañas circunstancias cando estaba preconizado para Bispo de Sión, Vicario Xeral castrense e Patriarca das Indias.

No lugar de Fornas pode ollarse a casa natal da familia, case un pazo, e unha placa na fachada da igrexa parroquial lembra a este persoeiro e o seu irmán Germán Vales Faílde (1883-1914) profesor no Seminario de Madrid e primeiros dos século XX colaborador do periódico lalinense La Defensa. E desta poderosa familia foi tamén Marcial Diéguez Vales párroco de Gresande (Lalín) a mediados do séculos pasado e o profesor e filólogo Ramón Regueira Varela (1943-...) catedrático de ensinanza media en Lugo e Pontevedra e autor de varios libros individuais e colectivos. Tamén son nativos desta parroquia de Camba, Luís López Diéguez Lugués, actual alcalde de Rodeiro e a historiadora Cecilia Doporto Regueira.

Bispo de Badaxoz

Nado no seo dunha familia de labregos podentes, García Gil -a súa casa natal a localizamos en Toiriz-Camba a principios dos anos 90- estudou no seminario de Lugo onde xa desatacaba e con 23 ingresou na Orde dos Dominicos que tiñan convento en Lugo onde foi profesor de Teoloxía. Logo de pasar polo convento de Santiago ao suprimirse as ordes relixiosas masculinas pola Desamortización de 1836, incorporouse como sacerdote a Diocese de Lugo sendo profesor e vicerreitor do Seminario.

A súa capacidade intelectual e a aureola de virtude que o rodeaba fixérono persoa moi recoñecida no seu tempo sendo nomeado Bispo de Badaxoz en 1854 que naqueles anos sufría unha epidemia de cólera. Nos catro anos que estivo ao fronte da diocese pacense

o seu labor seria recoñecido cun báculo de prata adicado e tamén coa Gran Cruz de Isabel la Católica. En 1859 faría a súa entrada solemne como arcebispo en Zaragoza onde desenrolou en tempos difíciles crise económica e sanitaria un extraordinario labor

apostólico a longo dos 22 anos de pontificado.

Impulsor da basílica do Pilar

Eminente teólogo, modelo de caridade, exemplo de humildade e caridade ao longo da súa vida, tamén destacou pola súa sabedoría, prudencia e celo no cumprimento do seu deber. Pero pasaría a historia polo seu decidido impulso a realización das obras da

basílica da Nosa Señora do Pilar e a súa brillante participación no Concilio Vaticano I.

Concilio Vaticano e cardeal

En 1869 sendo arcebispo de Zaragoza foi a Roma para intervir no Concilio Vaticano I. Pola súa importante participación o papa Pío IX nomearíao en 1877 cardeal da Santa Igrexa Católica, co título de San Esteban «in monte Coelio». A cidade e a Diocese de Zaragoza recibiron a noticia con grande entusiasmo e houbo grandes celebracións. Sería o único dos cardeais españois que asistiu a elección do Papa León XIII no ano 1877.

Catro anos despois finaba en Zaragoza logo dunha longa e penosa enfermidade. Contaba 79 anos de idade e foi chorado na súa diocese e tamén no resto de España segundo contan as crónicas da época. Foi soterrado Basílica do Pilar, na cripta situada debaixo de la Capela de la Virxe del Pilar e para lembrar o seu labor o pintor Mariano Pecador pintou o seu escudo arcebispal na cúpula central da Basílica.

Sen recoñecemento municipal

Posuidor das cruces de Isabel la Católica e de Carlos III, a capital aragonesa tomou o acordo de erguerlle un monumento, pero logo quedou na imposición do seu nome a unha rúa e o titulo de fillo adoptivo de Zaragoza. No lugar de Toiriz, queda a casa natal

con aire de fortaleza do arcebispo e cardeal García Gil e na igrexa parroquial de San Salvador de Camba, unha imaxe da Virxe do Rendal que fora doada e entronizada polo «Santico Gallego» e unha placa de mármore sinala a pía en que fora bautizando douscentos anos atrás. O «Santo Galego» agarda aínda a canonización da Igrexa e o recoñecemento do seu municipio natal. A comarca do Deza polo de agora non temos ningún santo.

Bibliografía: Do arcebispo e cardeal García Gil hai abundante bibliografía. Unha ampla biografía escribiuna o dominico Frei Vito-Tomás Gómez García (1989), tamén figura na Enciclopedia Aragonesa, na Wikipedia, varios artigos recentes de Antonio

Vidal Neira e nós mesmo no libro A Comarca do Deza por citar algúns).