A escudería lalinense é a responsable de dous dos nove ralis do galego, ultima o Fórmula e colabora na organización de varias probas do Trofeo de Montaña
29 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Achegarse a calquera dos ralis que completan o Campionato Galego é suficiente para decatarse da paixón polo mundo do motor que impera na comunidade. Non é de estrañar, xa que logo, que a disputa de ralis, subidas e sláloms atraian cada vez a máis seareiros. Dentro da boráxine das probas de motor que ateigan o calendario das catro rodas en Galicia, cinco das competicións dispútanse nas comarcas de Deza e Tabeirós, e outras tantas levan o cuño da Escudería Lalín-Deza. A escudería que preside Antonio Rodríguez Troitiño leva anos organizando o Rali do Cocido, que chegará á súa décimo quinta edición o vindeiro mes de marzo, e que é o referente do traballo que leva a cabo a organización lalinense.
A Escudería Lalín-Deza ten por diante un ano 2009 máis que repleto. O equipo dezano encargarase por segundo ano consecutivo de organizar o Rali Comarca da Ulloa, que desta volta inaugurará o agardado Campionato Galego o vindeiro 21 de febreiro. O Rali do Cocido segue a ser o prato forte da escudería, que ten xa boa parte do traballo feito para que a terceira fin de semana de marzo Lalín se converta de novo en capital do motor galego. Antes da disputa do Rali do Cocido terá lugar o Fórmula Rali. Será o 14 de febreiro no polígono Lalín 2000, e cun cartel de luxo. O mundialista Gigi Galli, Luis Climent, Oriol Gómez, os irmáns Azcona ou Manolo Senra están xa entre os pilotos confirmados para exhibir a súa destreza ao volante.
Por se os ralis e o fórmula non foran suficientes, a Escudería Lalín-Deza levará tamén o peso da organización da Subida a Silleda, que se disputará en novembro, e para a cal os impulsores solicitaron a axuda do equipo dezano. A escudería lalinense botará tamén unha man na segunda edición da subida a Vila de Cruces (abril), e de celebrarse, organizará de novo a proba de Rodeiro.
Cara a especialización
Formar parte da organización de tantas probas non é casual. «Somos a escudería que máis probas organiza de Galicia», subliñaba onte Antonio Rodríguez Troitiño, que atribuía á experiencia e aos medios a súa participación nos diferentes eventos. Pasar de organizar o Rali do Cocido a estar no allo de preto de media ducia de probas non chega do día para a noite. «Ao principio estas cousas van por amizade; coñeces a alguén e pídenche que lles axudes, e ti sempre acabas tendo algo para fondos para a escudería», explicou Rodríguez Troitiño, que lembrou como as primeiras colaboracións chegaron co Rali de Noia, «que é un caso de axuda mutua, posto que nós colaboramos con eles, e eles axúdannos a nós».
No caso do Rali do Cocido o traballo da Escudería Lalín-Deza inclúe dende a busca de finanzamento ata a elección dos treitos. Non é así nas restantes probas, onde os promotores locais se encargan de conseguir o finanzamento, mentres que o equipo de traballo lalinense pon os medios técnicos e a labor organizativa. «Está claro que o máis laborioso é o Cocido, porque posiblente a parte económica sexa a máis difícil de acadar». Máis se cabe, lembrou Rodríguez Troitiño, en tempos de crise.
A dedicación cada vez máis intensa á organización de probas do motor semella levar a Lalín-Deza cara unha especialización, e mesmo á profesionalización. «É moi complicado, pero a verdade é que ás veces pensas en que profesionalizar algo a escudería sería unha alternativa, ofrecéndolle a varias persoas a posibilidade de dedicarse en exclusiva á posta en marcha de eventos deste tipo», engadiu o presidente de Lalín-Deza, que recoñeceu que «pensamos en dirixirnos un pouco cara a organización de eventos, pero é algo ao que se lle da moitas voltas».
Arduo traballo
«A organizar un rali empezas dun ano para o seguinte». Non é entón de estrañar que «neste momento estamos a traballar directamente na escudería unhas 20 persoas, e con reunións diarias. Só libramos os domingo», indicou Antonio Rodríguez ao tempo que destacaba que a escudería conta con arredor de medio cento de colaboradores e unha persoa que ata pasado o rali estará permanentemente na sede da escudería. E é que ao final, todo o traballo se fai pouco para conseguir que os milleiros de persoas que moven os ralis desfruten sen incidencias.