A Federación Galega de Automobilismo fixo onte públicos os coeficientes que terán as competicións do calendario do motor galego para a vindeira tempada. Unha vez máis, o Rali do Cocido, que chega á súa décimo terceira edición, terá o máximo coeficiente outorgado, un 8. Tan só o Cocido e o Rali Cidade de Narón foron merecentes, segundo o baremo da Federación, da máxima puntuación para a vindeira tempada.
A competición que organiza a escudaría Lalín Deza recibiu unha puntuación de 1.351 puntos pola organización da pasada edición do Rali dezano, algo máis de 200 puntos a maiores da outorgada pola Federación á organización do evento no 2006. Ao igual ca na pasada edición, a puntuación do Rali do Cocido tan só foi superada pola proba de Narón, que nesta edición colectou un total de 32 puntos máis que a de Lalín.
O presidente da escudaría Lalín Deza, organizadora do Rali do Cocido, Antonio Rodríguez Troitiño, amosouse onte satisfeito por ter colectado o máximo coeficiente para a edición 2008 do rali dezano, que se disputará o 24 de marzo, e que un ano máis, abrirá o campionato Galego de Ralis. Rodríguez Troitiño explicou que a escudaría confiaba plenamente en que a Federación valoraría o esforzo da organización.
Máis coeficientes
As dúas probas do Campionato de Montaña que se disputarán na zona, a Subida á Estrada e a Subida a Cerdedo, que se disputarán o 29 de xuño e o 28 de setembro, respectivamente, terán un coeficiente de 5, o mesmo co que partirán as subidas que se organizarán en Rodeiro e Vila de Cruces no mes de xuño.
En canto aos organizadores de cada competición, a Subida á Estrada estará coordinada pola escudaría Estradense, mentres que a proba de Cerdedo contará coa supervisión de Gonza- Sport Competición. Lalín Deza, ademais de organizar o Rali do Cocido, encargarase de organizar a primeira subida do concello de Rodeiro.