Recuperar o legado dos devanceiros

Amelia Ferreiroa LALÍN

RODEIRO

MARCOS MÍGUEZ

Crónica | A parroquia de Soutolongo comezou a restauración dunha capela no ano 1997 Os veciños celebran unha romaría campestre o primeiro domingo de agosto

26 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

En febreiro de 1997 comezaron as obras de restauración da Capela do San Caetano. Un grupo de entusiastas veciños de Soutolongo decidiron, a pesares de seres conscientes do traballo que se lles viña encima, tentar recuperar unha parte do seu patrimonio, e o dos seus devanceiros. O primeiro foi limpar de silvas, toxos e castiñeiros o propio interior da paquena capela da que só restaban as paredes exteriores. A intención non era outra que devolverlle o esplendor que tivera noutrora. A ilusión duns poucos contaxiou os outros e xa en agosto dese mesmo ano celebrouse a primeira Romaría do San Caetano. «A man de obra era o máis caro pero tivemos sorte e, nas súas horas de lecer, os carpinteiros, canteiros e albaneis da parroquia traballaron arreo e sin cobrar nada», lembra un veciño de Soutolongo. Foi un traballo de toda unha parroquia. Co decorrer dos anos sempre xurdía algunha obra que facer dentro da capela que carecía de bancos e mesmo as vigas de formigón aínda estaban á vista. Os cartos non chegaban para todo porque tódalas obras realizadas ata a data fóronse costeando coas aportacións veciñais. Hoxe a capela posúe bancos e mesmo o teito foi revestido de madeira. Un fermoso cruceiro, obra do artista de Rodeiro Luis Ferreiro O Vila , érguese nas inmediacións do templo. E dentro das novidades que xurden cada ano, cando se vai achegando a Romería do San Caetano, dende a pasada semana tódolos lalinenses e persoas que se achegan á capital dezá poden ver unha réplica da capela. Unha maqueta, que se exhibe no escaparate dun establecemento da vila «máis ca nada para que vexan a capela e a coñezan». Dita maqueta foi realizada por veciños da parroquia «ós poucos ó longo dos últimos meses, preto dun ano, e pensamos expoñela despois no centro social de Soutolongo». A Romaría do San Caetano celebrarase o 3 de agosto na carballeira, sita nas proximidades da capela. Agárdase a asistencia dunhas 500 persoas, na súa ampla maioría veciños da parroquia, que xunto ós seus familiares compartirán mesa, mantel e música. E como tódolos anos tamén se poderán mercar sombreiros, pañoletas e rosquillas. Sortearanse varios agasallos e o recaudado empregarase en obras no entorno da capela.