Ao meu amigo Paco

Rafael Cuíña

LALÍN

Dicíame un bo amigo xogador de golf, cun swing manifestamente mellorable, que debía escribir sobre alguén como Paco Vilariño, «ao que sempre defendes en calquera circunstancia».

É certo, Paco para min é un amigo persoal, —por riba das diferenzas de criterio sobre algúns tema que poidamos ter—, e un patriota galego. Estivemos xuntos no goberno de coalición, e so podo dicir que traballou arreo dentro das súas competencias, e que a súa visión do que ten que ser Lalín no futuro, coincide nunha alta porcentaxe coa miña. A política municipal ten estas cousas... coincidir en temas fundamentais cun da UPG, debería ser suficiente para ser nomeado ás medallas Castelao...

Outra cousa que non podo esquecer é que nos momentos complicados, —aqueles que provocan somnolencia crónica—, con problemas que nin ti sabes da súa orixe, Paco é dos que non se pon de costas, e está ao lado do compañeiro político, mais fundamentalmente do amigo... e diso non hai moito. Non serei eu quen de xulgar as decisións que toman outras forzas políticas, nin o vieiro que deciden cara o seu futuro, mais o listón aos que veñan quédalles alto.

Meu pai sempre dicía que quen quixera facer carreira na política, debera pasar antes obrigatoriamente pola xestión nos Concellos, porque é a escola definitiva para saber a realidade dos problemas da veciñanza, e ter os pés no chan. Nisto Paco é un mestre dos bos, pois móvese coma unha anguía nos departamentos nos que quere saber o que lle interesa á súa formación, cunha naturalidade que asusta, e que deixa clara a súa capacidade de «sedución».

O meu agradecemento a un servidor público durante moitos anos, como veciño de Lalín. O meu modesto recoñecemento político a un patriota galego, e a miña lealdade inquebrantable ao amigo.

O bo que ten vivir nun pobo, é que seguiremos tomando café e falando de todo xuntos, mentres diseccionamos a vida pública lalinense dende onde a vida nos poña, aínda que ten pinta que vai ser en bandos politicamente afastados, que nunca conseguirán dobregar á nosa relación persoal. Iso si, de balonmán seguirei sabendo mil veces máis ca el, por moito que non o queira recoñecer...

Ou non?.