Quince artistas, consagrados e noveles, estarán nos encontros
19 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.A Asociación Cultural e de Veciños Bolarqueiros de Noceda (Lalín) consciente da necesidade de crear un tecido solidario que contribúa ao acceso á cultura da poboación rural, apostando polas actividades socioculturais como nexo de unión entre a poboación, promove unha exposición de artes plásticas baixo o nome de NocedArte, Encontros Artísticos no Rural.
Unha mostra, que reunirá a quince artistas, que está coordinada polo propio presidente do colectivo veciñal Pablo Romeo e comisariada polo artista Damián Payo, Paío, que pretende con esta mostra «fomentar a cultura, espertando na veciñanza rural inquedanzas socioculturais, pero tamén descentralizar as actividades achegándoas ás parroquias e buscar novos valores nas artes, letras, música, escena...». NocedArte pretende dar a coñecer tantos valores pasados, con artistas consagrados, como novos referentes das artes plásticas. No centro social de Noceda abrirase o vindeiro sábado 28 de marzo, ás 19.30 horas, e con posibilidade de visitar a mostra ata o 15 de maio, creacións da denominada Xente do Trasmundo, unha instalación do propio Paío, no que se xuntarán pezas de Laxeiro, Vidal Payo, Antonio Taboada Wily, Paco Lareo, Eduardo Meijomence, Luís Areán, Manolo Moldes e Paco Pestana, todos eles artistas da comarca ou moi vencellados emocionalmente a Deza.
Unha mostra que albergará tamén traballos artísticos de Valores Novas, caso das lalinenses Aitana Iglesias, Noa Blanco e Olalla Garra; e das tamén nomeadas Valores Novísimas cuxas pertencentes ao grupo son Ainara Froiz, Inés Benito e Josefina Miranda, de Lalín, e Mariña Paz, natural de Vilagarcía. Catro mozas artistas que están cursando na actualidade segundo curso do Grao de Belas Artes na Facultade de Belas Artes de Pontevedra (Universidade de Vigo), que están formando parte da nova canteira de artes plásticas da zona. Son, en palabras de Paío, «o gran futuro para Lalín e Galicia». O mestre gaiteiro Plácido Rozas será o encargado de abrir o acto inaugural da exposición o próximo día 28, e despois dos parlamentos que serán achegados polas autoridades asistentes, comisario da mostra e representantes da asociación cultural e veciñal, interpretará a Muiñeira a Laxeiro, obra da súa autoría.
Nocedarte, que ten tamén entre os seus obxectivos ofrecer á veciñanza tempo para o lecer, forma parte das múltiples actividades que programa a Asociación Cultural e de Veciños Bolarqueiros ao longo do ano, desde a organización das festas na parroquia pasando por eventos xa fixados no calendario como o Noceda Rock, de décimo aniversario, que congrega a numeroso público de distintos puntos da xeografía para disfrutar da música rock en vivo, e desde o rural.