Antón Batán, presidente da Banda de Música de Lalín: «Buscamos un director con perfil máis social que musical»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

E CUIÑA

A formación abriu, ata o 15 de abril, o proceso de selección dun novo titular «que devolva á banda na liña que tivo antes»

07 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A Banda de Lalín publicou o pasado 1 de marzo as bases que rexen o proceso de selección para facerse cun novo titular á fronte da formación, despois do cese de Marcel Van Bree en agosto do ano 2025.

—Que perfil buscan para ser director/a da Banda de Lalín?

—Buscamos un director con perfil máis social que musical. Temos demostrado que se a parte social funciona, a música sae soa. A idea é atopar unha persoa que sexa bo músico, pero que controle ben tamén esa parte social.

—Marzo é un mes axeitado para iniciar esta búsqueda?

—Non sabería dicir. Calquera época do ano pode ser boa ou non, depende. Neste caso a Banda de Lalín, e non é por presumir, pero está ben cuberta ao contar con directores convidados suficientes para ofrecer concertos. Aí está a dirección de Isabel Rubio no Concerto do Cocido, que foi extraordinaria, e o próximo estará dirixido por Benxamín Otero. Poderiamos seguir así un tempo máis, pero necesitamos unha referencia encima da tarima con vistas a emprender proxectos de futuro, que sexa algo grande.

—Teñen algunha data prevista para a presentación do novo titular? Podería ser para as festas patronais de setembro?

—Non temos unha data fixa para presentalo. Para as festas patronais? Podería ser factible. Pensemos que no mes de abril remata o prazo de presentación de candidaturas, e despois será a lectura de todos os proxectos que recibamos ata entón. Contaremos cun tribunal cualificado, formado por prestixiosos directores, que serán os encargados de avaliar os proxectos que se presenten, e posteriormente está prevista unha exposición de cada traballo e unha entrevista persoal con cada un dos aspirantes ao posto. Finalmente, a decisión última, será dos músicos da banda a través de concertos cos finalistas. Falamos dun proceso que se prevé bastante longo polo que non sabemos con exactitude o momento do seu peche. Setembro? Para as Festas das Dores? Ao mellor.

—O obxectivo é que o novo titular poida manterse no tempo á fronte da banda?

—Si. As experiencias dos últimos anos non foron moi produtivas nese senso, e non deu tempo a facer grandes cousas. Isabel Rubio estivo tres anos como directora titular, David Fiuza penso que foron dous anos e Marcel Van Bree tres. Para unha formación de banda non dá tempo a artellar grandes proxectos, e a idea é que a banda volva á liña que algún día tivo con participación en certames importantes ou mesmo gravar algún cedé. Todo iso non se consegue se non contas cun director encima da tarima de tempo atrás. Buscamos unha persoa que se manteña como titular durante anos.

—No medio do proceso selectivo, para cando o próximo concerto?

—Pensamos que será para o próximo mes de abril, pero aínda non temos data pechada. Benxamín Otero é un músico moi atarefado, e estamos pendentes dun día fixo e tamén estamos barallando a posibilidade de poder ofrecer o concerto ao aire libre, sempre que o tempo acompañe.