A unidade de correos de Lalín pasa de 23 prazas ás 14 actuais

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Miguel Souto

Os carteiros celebraron o segundo aniversario reivindicativo

30 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A Unidade de Reparto de Correos de Lalín cumpriu onte dous anos de loita para reclamar melloras nas súas condicións laborais e fíxoo cunha marcha, que arrancou á altura da Fonte dos Cabalos para rematar no final da rúa Loriga onde houbo reparto de biscoito conmemorativo deste segundo aniversario.

Os carteiros saíron de novo á rúa para esixir da empresa pública que cubra as vacantes, nun contexto cada vez máis complexo, según os traballadores. «Comezamos reclamando a cobertura de 4 prazas, pero hoxe a realidade cambiou. Houbo tres xubilacións polo que son sete prazas sen cubrir, máis unha baixa de longa duración e a doutra compañeira por asuntos propios que tampouco se cubriu polo que a unidade ten 9 persoas menos. Pasamos das 23 prazas que había ás 14 existentes na actualidade». Unha situación que, apuntaba unha carteira, está mermando a calidade do servizo ao que teñen dereito os veciños «e nós tampouco o prestamos nunhas condicións dignas, e así non se pode traballar». Os carteiros denuncian a falta de contratación por parte da empresa sen ter en conta a singularidade da oficina de Lalín que abarca non só á capital comarcal senón tamén aos concellos de Rodeiro, Dozón e Agolada «cunha extensión de uns 700 quilómetros cadrados, que é preciso percorrer día a día con pistas e camiños que non están sempre en boas condicións, e cunha poboación moi envellecida onde a xente maior necesita máis tempo para ser atendida». A consecuencia directa da falta de persoal suficiente leva aos profesionais do servizo de reparto, din, a priorizar as entregas postais. «O máis urxente vai no día, e o resto ten que esperar para o seguinte. Non podemos actuar doutro xeito. Chegamos onde chegamos».

Aínda que se cumpriron onte dous anos de actos reivindicaticos celebrados en Lalín, Pontevedra e Santiago, o persoal do servizo de reparto non descarta levar a cabo outro tipo de iniciativas, «a empresa semella que aplica un ERE, cada xubilación pasa a ser unha carga máis para os compañeiros que quedan, e continuaremos loitando por este servizo público ao que ten dereito a xente».