Hai modas que viñeron para quedarse, como a de planificar retos persoais cara un novo ano que comeza. Uns pretenden aprender idiomas, outros deixar o veleno to tabaco, recortar nos praceres gastronómicos excedidos de calorías, o preparar as próximas olimpiadas cando nin a camiñar ías...
Todo iso acontece máis na nosa mente que na realidade, mais nos concellos os retos e as necesidades son outros, i eses si que afectan á veciñanza. Lalín comeza un 2026 con preocupación pola seguridade nas rúas, con temor un tanto esaxerado a posibles «okupacións» de vivendas, ou mesmo cara unha poboación inmigrante, que no caso dos que viñeron a facer o ben traballando, so podemos dicir que é necesaria para o desenvolvemento da nosa economía.
Retos cara o ano que entra nos que será unha necesidade aumentar substancialmente o persoal da policía local, avanzar na elaboración da Axenda Urbana 2030 con humanizacións nas nosas rúas a modo de plataformas únicas, zonas peonís ben delimitadas, e un novo plan de tráfico. Ademais a urxente ampliación do polígono Lalín 2000 ten que dar pasos importantes, non so para mellorar as posibilidades de emprego e a súa repercusión na economía, senón tamén para poder fixar poboación por riba dos 20.000 habitantes e consolidar esta categoría para a próxima década.
Os avances no rural terán que pasar pola mellora das comunicacións, e corrixir unha falla de saneamento en moitos lugares, impropia do século XXI. Un Concello que non mire pola súa cultura, é un lugar condenado a repetir erros do pasado, por iso dende o respecto á tradición, pasando pola necesaria innovación, é un capítulo a reforzar nos próximos anos. Lalín non pode ser so cocido, que tamén... temos o potencial necesario para ser unha referencia en rutas culturais polo noso rural, para facer foros que sexan referentes en canto á intelixencia artificial, axenda 20-30, seminarios de igualdade onde xa se está a traballar tamén, ou ser a capital rural do deporte.
Lalín debe ser un Concello no que dende o entendemento fuxamos da polarización política doutros lares pouco exemplares, e iso vai depender única e exclusivamente de nós, porque agardar na porta da casa a que pase a procesión dos santos, para unirnos a ela, ao mellor non é o máis intelixente.
Ou non?.
Feliz 2026, veciñas e veciños!.