A agrupación figura no Atlas de áreas conservadas pola súa boa práctica conservadora
25 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A comunidade de montes de Bermés (Lalín) está presente no Atlas de áreas conservadas por agrupacións locais, que recolle boas prácticas en materia de conservación da biodiversidade e de prevención de incendios. Unha publicación que figura na páxina web de proxecto CAPRIF-CC (Comunidades Activas e Paisaxes Resilientes a Incendios Forestais e Cambio Climático), participado pola Fundación Montescola. Sobre o terreo traballou en calidade de técnica do proxecto Belén Albor Nimo (1994, Noia).
—Sitúenos no que é a Fundación Montescola, e o proxecto CAPRIF-CC.
—O proxecto CAPRIF-CC (Comunidades Activas e Paisaxes Resilientes a Incendios Forestales e Cambio Climático) da conta do que pretende este traballo: promover unha xestión forestal sostible mediante o impulso de procesos participativos e iniciativas innovadoras de aproveitamento multifuncional do monte. O proxecto está impulsado por unha agrupación de cinco entidades especializadas no estudo do territorio, desenvolvemento rural, coidado do ambiente e no emprendemento. Entre as entidades que integran esta agrupación está a Fundación Montescola: unha entidade sen ánimo de lucro que traballa pola defensa da natureza. Algúns dos seus cometidos no proxecto son a promoción de actividades de voluntariado ambiental e a dinamización e posta en valor da conservación comunitaria; da preservación da natureza levada a cabo polas comunidades locais.
—Que os levou á inclusión da comunidade de montes de Bermés, en Lalín?
—Como parte desa dinamización comunitaria, a Montescola vén creando unha Rede de Áreas Conservadas por Comunidades Locais, que consiste nunha rede de comunidades xestoras de territorios, sexan montes veciñais en man común, montes de varas ou figuras análogas, que teñen interese no desenvolvemento e aplicación de boas prácticas de conservación. O obxectivo da Rede é o intercambio de experiencias, aprendizaxe mutua, a discusión de problemas e desafíos comúns e o apoio recíproco mediante a partilla de saberes e o eventual deseño de solucións e proxectos conxuntos. Vinculada á Rede, que está en crecemento pero conta xa con arredor de 90 integrantes, xorde o Atlas de Áreas Conservadas por Comunidades Locais, que busca poñer en valor o traballo realizado polas comunidades na Rede, entre elas a de Bermés, e dar a coñecer experiencias e prácticas de conservación.
—Cales son as súas singularidades máis apreciables?
—A comunidade de Bermés mantén importantes masas de carballeiras e bosques aluviais en bo estado de conservación, así como unha turbeira dunhas 4 hectáreas na parte alta do monte. Ademais, o monte Carrio, que consiste nun afloramento granítico con elevado valor paisaxístico, marca o punto máis elevado da serra e conta con enclaves singulares como o Puzo Redondo, rochedos graníticos como Pena Cabalada, Penedo de Orxás ou o Coto da Capela. A comunidade destaca tamén polo seu abundante patrimonio arqueolóxico, cunha necrópole integrada por 9 mámoas, un círculo lítico e varias estacións de arte rupestre, incluíndo os petróglifos da Fonte da Anella e da Pena Cantadoira.
—Recóllense boas prácticas en conservación da biodiversidade e prevención de incendios, pero en que sentido?
—A comunidade ten como principios da súa xestión a recuperación do bosque nativo, eliminación de especies exóticas invasoras e a conservación doutras especies vulnerables, tanto na flora como na fauna. En 2019, a asemblea da comunidade acordou que o futuro do monte será libre de eucaliptos e nos últimos anos recuperáronse máis de 20 hectáreas. Bermés destaca tamén pola súa posta en valor do patrimonio cultural. A comunidade iniciou a recuperación da capela de Santo Adrao, datada entre os séculos XV e XVI, fixo dúas campañas arqueolóxicas no monte Carrio, descubrindo a existencia dun xacemento prehistórico circular tipo henge; e botou a andar un proxecto para poñer en valor os bens arqueolóxicos do monte mediante a investigación, catalogación, cartografado e limpeza dos mesmos. Vén apoiando tamén a recuperación de elementos de valor etnográfico.
«O incendio de agosto destaca o esforzo dos grupos para ter territorios máis resilientes»
Os muíños de Campo, Castro, de Sánchez e de Lamela, ou a mina de auga «da casa de Chares» son para os veciños de Bermés sitios de referencia dos que a comunidade fixo unha recuperación. Boas prácticas tanto na recuperación do bosque autóctono como na posta en valor do patrimonio cultural que, a xuízo de Belén Albor, deberían de extrapolarse a outras comunidades. Ao mesmo sucede coa prevención de incendios forestais, un dos obxectivos principais de todas as comunidades. «O incendio de agosto non fai senón destacar a relevancia do traballo que realizan as comunidades locais que centran os seus esforzos en recuperar o bosque autóctono para contar con territorios máis resilientes», apunta a técnica. Os montes veciñais en man común galegos ocupan na actualidade unha superficie aproximada de 700.000 hectáreas, «e é preciso poñer en valor o enorme potencial destas comunidades locais e apoialas, pois, como a publicación do atlas demostra, as comunidades locais son efectivas e esenciais para a correcta conservación do territorio», comenta Belén.
O lanzamento oficial do Atlas de Áreas Conservadas por Comunidades locais, previsto para o próximo 31 de outubro, confluirá cun seminario, no que tomarán parte os comuneiros nunha mesa redonda na que estarán 13 das 33 comunidades representadas no mesmo, entre elas a de Bermés, para falar das súas experiencias. O evento poderá seguirse en YouTube, na canle do proxecto, en horario de 19 a 20.30 horas ou acceder posteriormente á gravación. Cun proxecto que continuará no tempo, «xa que queremos manter viva e activa a rede e seguir poñendo en valor o traballo de conservación da natureza levado a cabo polas comunidades locais», afirma Belén Albor.