A previsión apunta á participación de máis de 30 comercios
21 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A concelleira de Aldeas de Nadal de Lalín, Karen Fernández Lamela, mantivo o pasado domingo a primeira das dúas reunións previstas para preparar a edición deste ano dos escaparates máxicos, que elaborará o comercio local, e as fachadas que quedará en mans da hostalería. Sector co que se reuniu a edila na tarde de onte.
No encontro dominical contabilizouse unha vintena de responsables de establecementos comerciais da vila, «todos cunha actitude moi receptiva respecto da súa participación nesta nova edición dos escaparates máxicos», confirmou Karen Fernández. A previsión que baralla a concelleira é chegar aos 31 escaparates máxicos, cifra acadada o ano pasado, ou mesmo superar esa cantidade ante a boa acollida que está tendo esta iniciativa. Unha primeira toma de contacto co sector comercio que serviu tamén para tomar unha decisión sobre a temática a seguir, apostando os asistentes polo cinema no Nadal. A concelleira de Aldeas de Nadal lembrou que ata o 14 de novembro está aberto o prazo para os interesados en anotarse, «xa que precisamos saber con exactitude todos os que terán escaparates máxicos para remitirlles os vinilos corporativos correspondentes co nome da película recreada no escaparate e do propio local».
Por outra parte, e a petición do sector, o Concello de Lalín poñerá a disposición dos participantes un profesional en escaparatismo que ao longo dunha semana asesorará aos que o necesiten. «É unha figura profesional que nos pediron, e esa persoa será a encargada de axudar a pulir pequenos detalles que haxa nos escaparates», puntualizou Fernández. Reforzar a iluminación nos escaparates e apostar polo coidado dos mesmos para que conten unha historia foron dúas das solicitudes feitas desde a organización para cos comerciantes, que comezarán de inmediato a buscar a película de Nadal que queiran recrear no seu escaparate.
Quenes se mergullarán por primeira vez nesta particular iniciativa, integrada no proxecto de Aldeas de Nadal, son os hostaleiros. A eles pediulles Karen Fernández que elaboren fachadas máxicas. «Nunha viaxe a Londres puiden ver como tiñan todo adornado, convidando a entrar e pensei que en Lalín se podía facer algo así. É un xeito de aportar máis clientes se cabe, xa que a hostalaría vive un momento moi bo, pero pode axudar a mellorar a imaxe do pobo». Os hostaleiros terán, a diferenza dos comerciantes, libre elección á hora de facer as súas fachadas. E aínda que se trata dunha novidade para o sector, ao nacer este ano, a titular de Aldeas de Nadal está convencida de que acadará unha moi interesante resposta, «estou a velos moi receptivos con esta proposta».