A cantante e compositora de Vila de Cruces ofrecerá un concerto mañá ás 22.00 da noite no Café Camilo de Lalín
15 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A iniciativa Vrau en Café, impulsada polo Foro para Cultivos Culturais, chega mañá ao Café Camilo de Lalín cun espectáculo musical a cargo de Leticia Rey. A artista, nacida en Vila de Cruces no ano 1995, comezou no mundo da música dende ben pequena, unha paixón que non estaba presente na súa casa, pero que sentiu como «unha chamada» dende que ten recordo.
Leticia comezou a estudar solfexo e piano na Escola Municipal de Música, e máis tarde, cuns quince anos, comezou a formarse con clases de guitarra. Non obstante, o que realmente desexaba aquela nena era dedicarse ao canto. «Tiña moita vergoña, pánico a mostrar a miña voz», comenta Leticia, explicando mentres explica os motivos polos que non se atreveu a explotar a súa voz dende o inicio.
Foi uns anos máis tarde, con 18 anos, cando a oportunidade de tirarse á piscina co canto chegou a ela en forma «dunha encerrona», sinala. «Buscaban novas voces na zona, e unha amiga miña dixo que tiña unha compañeira que cantaba moi ben. E dixen, por qué non?», explica entre risas. Dende entón, comezou a cantar, sacando no ano 2021 o seu primeiro EP en acústico, coa guitarra coma protagonista, dende o que comezou a realizar numerosos traballos, como o seu primeiro disco de longa duración LuX.
Aproximación ao jazz
Cun estilo musical moi variado, que ao longo do tempo foi nutrido pola inspiración de diversos artistas, Leticia Rey destaca por un ton intimista que en ocasións semella ao jazz. Esa será a liña que seguirá o concerto no Café Casino, no que acompañada da súa guitarra cantará temas de distinta índole, dende os máis antigos ata os recentes. Contará tamén co colaboración de Benxamín Otero nalgunhas das cancións. «A composición é o único lugar no que podo facer o que me peta, é o meu templo creativo», apunta a artista.
Outros proxectos
Recentemente, a cantante sacou dúas novas cancións: Na sombra en maio, e Baleiro en xullo. Agora está traballando nun novo disco que sacará o vindeiro dezasete de setembro, cun estilo máis similar ao folk, cun toque máis teatral e solemne, en relación aos seus anteriores lanzamentos.