José González: «O premio en Valencia é unha recompensa ao traballo que se vén facendo»

amelia ferreiroa LALÍN /LA VOZ

LALÍN

22 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Intentando asimilar o sucedido en Valencia. Así anda o presidente da Banda de Música de Vilatuxe, José González, despois de que a formación lalinense acadase o pasado sábado o 1.º Premio na Sección 1.ª, no Certame Internacional de Bandas de Música Ciutat de Valencia cun resultado de 344,5 puntos.

—Que significa para a agrupación este premio?

—Significa unha recompensa a un traballo continuo, non só dos seis meses que puidemos dedicarlle aos ensaios para ese certame, senón tamén o esforzo que se fai na escola sacando músicos moi novos e preparados. É unha recompensa ao traballo que se vén facendo, e estamos moi orgullosos e contentos do premio conseguido.

—Esperábano?

—Cando vas a un certame intentas facelo o mellor posible, pero para nada esperabamos volver á casa cun primeiro premio. As bandas que compiten no Certame Internacional de Valencia son de altísimo nivel. Nós mesmos xa intentamos ir o ano pasado, e non foi posible. Non tivemos sorte. As solicitudes para competir alí son moitas, e só seleccionan a unhas poucas. Nós este ano tivemos a sorte de que nos colleran, e non nos foi mal. Quedome co que nos dixo Víctor (Vilariño, director da Banda de Vilatuxe) despois do último ensaio que celebramos o venres antes do certame ao comentar que o traballo estaba feito, e que tocaba disfrutar.

—Disfrutaron entón encima do escenario?

—Bueno, o escenario do Palau da Música impón e impacta, e sempre vas ao concerto con nervios pero unha vez comezas a tocar xa te centras no que estás.

—A Banda de Vilatuxe caracterízase por contar nas súas filas con músicos moi novos.

—É certo. A media de idade pode estar nos 17 ou 18 anos, pero eu rómpoa ao ser un dos máis maiores (ri). O que importa é que con traballo, esforzo, ilusión e a implicación dos pais dos músicos á hora de traelos a centos de ensaios vese o resultado.

—Toca agora unha pequena paréntese de descanso ou concertos todo o verán?

—Concertos. Os rapaces disfrutaron un chisco da praia o domingo, hoxe —por onte— están nun Aquapark pero xa viaxan para chegar de madrugada e prepararse para as próximas actuacións. A banda ten concertos programados para os días 25 e 27 de xullo, e outros fixados para o mes que vén. Descanso, polo momento, non toca (ri). Normalmente os meses de verán son moi movidos en actuacións.