A borrasca Martiño que azoutou Galicia o pasado 20 de marzo deixou unha fonda pegada e esnaquizou as cortes dos cabalos que o lalinense Fernando Rodríguez, Palitos, ten en Oleiros (Silleda). Agora co gallo de axudar na súa reconstrucción o colectivo de Artistas de Lalín Nadando a Contracorrente, e dentro da súa programación estacional; neste caso Primavera en Café, promove este domingo un festival para todo tipo de público no forno da panadería dos Nercellas ás 19 horas. «Como dicimos en Lalín é un cariño que queremos ter con Fernando, para axudarlle na reconstrucción das cortes dos seus cabalos que quedaron mirando o ceo -como denominamos esta iniciativa- sen sitio no que acubillarse», explica Celso Fernández. O artista lalinense será o encargado de conversar con Fernando sobre historias de cabalos, para dar paso ás actuacións de Viravolta, o grupo Nós e ao músico Antonio Taboada. A colaboración económica para esta finalidade será de 10 euros para os adultos, 5 para os cativos pero tamén haberá unha fila O para todos os que queiran axudar nesta iniciativa solidaria.