Mari Fernández, nova responsable do BNG en Lalín: «Chegamos para traballar arreo e facer un Lalín mellor»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Vinculada ao sector do comercio, e con só tres anos en política activa, obtivo respaldo da asemblea para ocupar dito cargo

23 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Mari Fernández Sanmartín, veciña de Lalín de 46 anos de idade, é ben coñecida na capital comarcal por estar vinculada profesionalmente ao sector comercio; oficio que aprendeu da súa avoa e da súa nai, pero tamén por formar parte da Asociación de Veciños da Cacharela; o barrio no que vive. O pasado luns na asemblea local do BNG de Lalín foi designada nova responsable local, substituíndo a Manuel Carbón que se fai cargo da área de organización da agrupación.

—A súa chegada á política local é bastante recente.

—Éo. Entrei en política fai tres anos, un antes das eleccións municipais... Chamáronme, presentáronme o proxecto, gustoume e sumeime ao mesmo, e estou moi contenta de habelo feito.

—Agardaba este nomeamento en tan poucos anos de militancia?

—Non, a verdade. É unha responsabilidade moi grande, e estou moi agradecida aos compañeiros pola confianza. Estou con ganas de empezar a traballar.

—Como será esa liña de traballo?

—Queremos seguir polo camiño marcado por Manuel Carbón, que é todo un referente para nós, e para o que só podo ter boas palabras; tanto a nivel de partido como persoal. Sempre está para axudar e poñer as cousas fáciles.

—Pero seguramente quere incidir nalgún asunto en particular.

—Chegamos para traballar arreo e facer un Lalín mellor aportando propostas. Esa é a nosa intención, pero eu que pertenzo ao sector comercio atopo moitas carencias no mesmo. Estamos moi perdidos, non temos nada. O concello non fai nada polo noso sector, e gustaríame tirar por aí. Se Lalín non ten un bo tecido comercial e hostaleiro morre. Lémbrome que na época da pandemia todos os comercios estaban cerrados e era todo moi triste, pois as políticas que se fan van por ese camiño.

—A candidatura, única por certo, presentada para escoller o novo consello local era numerosa e plural. Escoitarán e recollerán todas as aportacións?

—Claro! A candidatura contaba con 36 militantes, un grupo plural de homes e mulleres con xente que xa estaba e persoas novas que veñen con moitas ideas e compromiso. Queremos ser unha alternativa seria de goberno e lograr facer ese Lalín mellor para todos, do que falaba con anterioridade.

—As miras están obviamente postas nas próximas eleccións municipais.

—Efectivamente. O BNG está agora nun bo momento. Notamos a simpatía de moitos veciños, e nós imos responder con traballo e compromiso. Estamos moi contentos.

—Entendo que sen perder de vista posibles novas afiliacións.

—Por suposto. Temos na actualidade un número de afiliación importante. Nos últimos días incorporáronse cinco persoas máis, pero seguiremos traballando tamén nese eido.

—Compaxinar todo iso coa asociación da Cacharela.

—Claro, claro. O Entroido da Cacharela xa está practicamente ás portas (ri).