A Asociación de Veciños Pena Aguda de Lalín celebra hoxe asemblea no edificio Manuel Rivero ás 17.30 horas, no que será o primeiro encontro de socios despois da constitución do colectivo, que preside Antonio Lamas. Á asemblea están convidadas as 70 familias socias, nunha reunión anual na que se tratarán doce asuntos. Entre os máis salientables figura a delimitación da zona perimetral da asociación e pechar o formato para o vindeiro San Xoán, festividade a raíz da que naceu o colectivo.
A presentación oficial dos membros fundadores da Asociación de Veciños Pena Aguda será un dos primeiros asuntos a tratar, para dar paso á presentación do libro de socios e ás contas do 2024; «que a pesar de todo o que fixemos, que creo que foi moito, soubemos xestionar ben as cousas e as contas péchanse con superávit», anunciou Lamas.
Os socios terán aprobar as aportacións para 2025, que a xunta directiva pretende manter sen variacións, de 20 euros ao ano por vivenda. Os asociados tamén serán os que tomen a decisión final respecto da delimitación da zona perimetral. «Estamos para escoitalos. Eles son os que van decidir se mantemos a zona que está delimitada ata a momento, e que vai desde a subestación ata Feás, pasando por Lagazós, cuartel da Garda Civil ata a Rolda Leste, ou se abrimos máis a contorna», dixo.
Tráfico e rúas estreitas
Nesa liña de escoita activa que promulga a Pena Aguda, está coñecer tamén aquelas necesidades que teñan, e que recollerá a directiva. «Algunhas demandas xa nos foron chegando pero cremos que a asemblea é o mellor sitio para comentalas, plasmalas nun documento e despois trasladalas aos organismos competentes, como pode ser o Concello», explicou Lamas. A construción de máis vivendas na parte alta do casco urbano, fundamentalmente no Agro de Lalín de Arriba, está aumentando o tráfico pola zona, «sendo este un dos asuntos que nos foron comentando os socios, ao igual que o feito de que algunhas rúas se fan moi estreitas».
Na asemblea abordarase cos asociados o formato que se lle quere dar á celebración do San Xoán, que na pasada edición acadou 400 comensais.