Tras a pegada de Luís Otero Pimentel

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Daniel González Alén

González Alén afondou na procura de datos do escritor, político e militar

12 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O cronista oficial de Lalín, Daniel González Alén, afondou na procura da casa e da familia do escritor, político e militar Luís Otero Pimentel, en Portodemouros, Vila de Cruces. Un traballo tras a súa pegada ao fío dos actos de homenaxe que tiveron lugar na Solaina de Piloño. Naquel acto González Alén participou nunha mesa redonda e o 8 de xullo deste ano na que estivo acompañado polos investigadores Gonzalo Navaza e Ana María Mato Sesto.

González Alén na procura de datos inéditos sobre Otero Pimentel percorreu a parropquia de San Salvador de Portodemouros e, como contou na Solaina, «Pimentel. Quixo a sorte e a súa afanosa busca, que de primeiras deramos coa casa natal de Otero Pimentel no lugar de Outeiro, unha casa grande agora deshabitada e á venda, con aires de fidalga, que en tempos tivo escudo de armas, segundo lembran os propietarios. O emblema desapareceu, sen que ninguén saiba dar razón, e podería ser semellante ao que campa na fachada principal do pazo dos Otero Bermúdez de Duxame, onde tiñan as súas raíces estes do Outeiro. A antiga casa, ampliada e reformada nos séculos XVIII e seguintes para convertela en centro dunha explotación agraria, conserva aínda boas canterías, destacando as que forman a entrada principal, a escaleira e unha ventá con parladoiros no primeiro andar. Ten un amplo saído, eira, hórreo de catro claros, grande palleira con lagar, dous fornos e outras dependencias labregas cun par de portalóns de entrada».

Na casa que foi fogar familiar, debeu pasar os anos da infancia e xuventude ao coidado da súa

nai logo de que o seu pai falecera cando o noso persoeiro contaba con só catro anos de idade, para xa mozo e cumpridos os dezaseis, pasar a vivir en Arzúa co seu tío Luís Pimentel. Logo de alistarse voluntario no Exercito e tras unha brillante carreira militar, foi destinado a Cuba, onde casou con Ángela Ferrer y Pujol en primeiras nupcias. Con ela tivo polo menos dúas fillas, María e Luísa, e hai noticia de que dun segundo matrimonio tería outra chamada Consuelo, mais non temos constancia que no tempo en que estivo en Cuba, nin despois xa retirado en Cádiz, visitara a casa natal en Portodemouros, aínda que tanto el como as súas fillas mandaran cartas á nai e avoa que aínda vivía na casa de Outeiro a finais do século XIX.

Coa axuda dos veciños e na procura de parentes de Otero Pimentel, González Alén conta que atopou «a seis dos oito seus sobriños bisnetos, descendentes do seu irmán José Otero Pimentel, que casado con Dominga Asorei, continuou na casa de Outeiro na que criaron unha ampla familia. Un dos fillos foi Manuel Otero Asorei, casado con Generosa Souto, que continuaron habitando na casa fidalga e tiveron dez fillos, entre eles Luís Otero Souto, que contraeu matrimonio con Rosalía Vaamonde Fiúza, coa que mercaría unha casa e negocio de bar e pousada situado ao pé da estrada que baixa ao encoro, a medidos do século pasado. O negocio acadou notable clientela cando a construción do complexo hidroeléctrico, para pechar anos despois ao remate desta grande infraestrutura. O matrimonio tivo oito fillos: Manuel, José, Mario, Carmen, Mercedes, María Aurora, Luísa e Félix, que irían marchando da parroquia natal na procura de mellores condicións de vida para Bilbao, Zaragoza, Mallorca, e mesmo para Francia, quedando a casa e os bens de Outeiro por un tempo en mans de caseiros e xa na actualidade deshabitada. Os irmáns superviventes, agora xubilados, adoitan pasar a tempada de verán coas súas familias na casa que fora bar e pousada».

«Por referencias que merecen creto, explica, puidemos saber que Luís Otero Pimentel residente en Cádiz nos últimos anos da súa vida, tivo tres fillas que viviron con el naquela cidade e que finaron sen descendencia». «Pero da extensa familia, descendentes dos irmáns do ilustre militar, escritor e político, ten que haber numerosos individuos espallados por diversos lugares de España e do mundo, que ben poden no futuro achegar apuntamentos, testemuñas e mesmo documentos sobre el», engade.

Recollida de documentación cedida pola familia

Logo de varias visitas e conversas acerca do homenaxeado, os familiares de Otero Pimentel mostraron a González Alén «o interior da súa casa natal e a documentación familiar de certo interese que nela se garda, que ao poñerse en venda o inmoble corría perigo de desaparecer».

Porén, explica no seu informe ao Padroado Cultural de Lalín, «pedímoslle que nos fora doada para buscarlle un lugar axeitado de depósito no Concello de Lalín, coidando que podía interesar para que fora gardada e estudada polo Seminario de Estudos de Deza, dependente deste Padroado Cultural ao que accederon de bo grao».

A familia entregou ao cronista lalinense tres carpetas con documentos que quedaron a disposición dos investigadores que os precisen e explica que «trátase duns douscentos documentos orixinais en desigual estado de conservacións, que abranguen dos séculos XVII ao XX, versando sobre asuntos diversos: testamentos, foros, partillas ou compravendas, entre outros. Tamén hai un exemplar do Regulamento do Casino Español de La Habana de 1870, do que Otero Pimentel foi directivo». O investigador lalinense botou en falta «documentos referidos directamente ao personaxe, que deberon estar

gardados nunha carpeta verde que, co anagrama de Imprenta Alvarellos de Lalín, se atopa entre os vellos documentos. Vese que foron levados a finais do século XX polo sacerdote lalinense Nicolás Alvarellos López, daquela párroco de Vila de Cruces e outras parroquias, para fotocopiar na imprenta da súa familia en Lalín, e ser devoltos segundo se desprende do escrito asinado polo propio crego na portada da devandita carpeta, onde se reza ‘Un saúdo e gracias por todo'».

A esas fotocopias, engade no seu informe Daniel González Alén «tivo acceso recentemente o historiador lalinense Antonio Vidal Neira, polo que sabemos que un dos documentos era unha carta manuscrita e asinada por Luís Otero Pimentel dirixida a súa nai, que Vidal ten publicado en diversos medios. Dos outros documentos, solicitámoslle á investigadora Ana María Mato Sesto unha copia dixitalizada daquela documentación á que tivo acceso hai unha década, por xentileza dos referidos parentes de Otero Pimentel e con data 6 de setembro de 2023, mandounos por correo electrónico unha serie de documentos e fotografías», explica. O investigador lalinense propuxo ao Concello de Lalín no seu informe que sexan gardados na sala coa que conta o Seminario de Estudos de Deza no Pazo de Liñares.