Xornadas en Lalín sobre a importancia das abellas

A. Ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

No auditorio do Polígono Lalín 2000 comezan esta mañá unhas xornadas internacionais, que promove o GDR Terras de Pontevedra Norte que se centran en remarcar a importancia das abellas no sector primario. e continuarán o sábado

Forma parte dun proxecto de colaboración internacional con dous grupos homónimos de Romanía, do que resultou a presenza de cinco produtores de mel na Semana Verde de Silleda, unha visita efectuada a Romanía e a asistencia de produtores a unha feira en Budapest na que os meles galegos chamaron poderosamente a atención e rematou coas existencias levadas desde Galicia.

«Un mel con limón e xenxibre de Martín Cañedo de A Estrada foi o primeiro que se acabou, pero as dos outros produtores como os catro meles diferentes de David Liñares non quedaron atrás, e non quedou nada de ningún», comentou o xerente do GDR Ramiro Ruibal. Un mel galego moi diferente ao que se produce en Romanía, onde abunda o de xirasol ou soia que é totalmente branco. Un programa de traballo do que tamén saíu un inventario para a web do GDR Terras de Pontevedra Norte das alvarizas, «as que están visitables e as que non o están, pero que son un patrimonio natural que non hai noutros sitios», explicou. Dous días de ponencias na que se incidirá no respecto polos polinizadores e as abellas como axuda para o sector primario. Así a primeira charla versará precisamente sobre o valor da polinización, e será impartida pola profesora da Universidade de Alcalá Melina Barrio. O director xeral da Axencia Galega de Calidade Alimentaria José Luis Cabarcos estará tamén esta mañá en Lalín para aportar datos sobre o nova PAC e as primas que se aportarán a aquelas producións que sexan respectuosas co medio ambiente.

Os asistentes poderán coñecer o traballo de cooperación que se realiza na microrexión de Somes-Codru (Romanía) para o desenvolvemento de mercados locais con produtos apícolas de dita zona. Adrián Bratosin, xerente do grupo de acción local de Somes-Codru será o encargado de explicar o programa que están levando a cabo, mentres que o apicultora lalinense David Liñares incidirá na cooperación internacional entre apicultores romaneses e galegos, achegando experiencias reais vividas en primeira persoa despois de participar na visita de campo a Romanía e participar na feira en Budapest. As xornadas internacionais servirán tamén para marcar novas citas apícolas no calendario.