Conchita García: «Os libros de texto comprábaos sen reservas, botando man da intuición»
LALÍN
Di que agora é máis fácil encarar os comezos de cursos, ao exporse con máis antelación, pero ollando este inicio dende a barreira tras a súa recente xubilación
10 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Unha das imaxes destes días son as longas ringleiras ás portas das librerías, signo inequívoco de que comezou un novo curso académico, caracterizado nesta tempada por un inicio á par en todos os cursos. Bulicio de entradas e saídas que se dan na Librería Álvarez de Lalín pero que Conchita García Vázquez (Carballedo, A Barrela) ve, nesta caso, dende certa distancia ao contrario do sucedido nos últimos 39 anos tras estrear unha nova etapa: a da xubilación.
—Sempre estivo vinculada profesionalmente ao sector da librería?
—Pois non. Comecei traballando en algo totalmente diferente (ri). Estiven nun concesionario de coches que se chamaba Aibasa, que estaba fronte á parrillada Villanueva, pero que acabou pechando no momento en que eu tiña os dous nenos cativos polo que pensei en poñer en marcha un negocio propio.
—Por que apostou por poñer en marcha unha librería?
—Pensei nunha librería polo feito de que había moitos cativos no pobo naqueles anos, falo de 1983 que foi cando se abriu Librería Álvarez, e por esta rúa (a actual Antonia Ferrín Moreiras) pasaba moita cativada por aquí en direccións aos colexios e ao instituto que había, e que se manteñen, nas inmediacións.
—Había poucas en funcionamento naqueles anos no pobo?
—Non (reflexiona)... Moitas xa estaban funcionando caso da Albarellos, Dalvi, Carpi, Reboredo e Raíces... e penso que non deixo ningunha atrás pero eran anos nos que os colexios e os institutos tiñan moito alumnado. Hoxe, como ben se sabe, son poucos os centros educativos que teñen moitos rapaces, e no rural está pasando o mesmo. Nos últimos oito ou dez anos notouse unha merma no volume de matrículas, e foi cando os colexios do rural comezaron tamén a acoller moitos menos rapaces nas aulas.
—Obrigatoriamente tivo que empezar de cero.
—Claro. Tiña moitas nocións e coñecementos de contabilidade que é ao que me dedicada no concesionario, pero de librería... nada (ri). Todos os comezos son difíciles, e aquí tamén o foron, pero collino con agarimo, e mira case corenta anos pasei atendendo ao público e encantada.
—Seguramente se deron infinidade de cambios ao longo destes anos, pero se nos cinguimos ao pistoletazo de inicio dos cursos académicos?
—Entendo que un dos maiores cambios foron as reservas dos libros de texto. Antes comprábaos sen reservas, botando man da intuición e un pouco a cegas. Pedías os libros según o que pensabas que podías vender pero non deixaba de ser un risco: podía saír ben a venda ou mal, claro. Hoxe trabállase con moita antelación e cunha lista pechada de reservas. Os pais prefiren esta opción xa que veñen e xa teñen o lote de libros preparados, e nós os libreiros tamén. É moito máis cómodo para todos e trabállase sobre un número seguro de libros reservados. Nada que ver os encaixes que tiñamos que facer antes!
—Pero as colas habíaas antes pero tamén hoxe.
—O inicio do curso sempre supón un aumento do fluxo de clientes en diferentes establecementos, nas librerías tamén, pero antes todo o mundo viña o día en que empezaban as clases e agora as compras fanse moito máis espalladas no tempo. Claro que nestes días sempre falta algo e hai máis xente.
—Un inicio de curso que está pasando dun xeito atípico.
—É todo moi diferente pero estou moi contenta de que a librería continúe, que non se pechen as portas, e que o meu fillo Anxo decidise coller as rendas que seguro que o vai facer marabillosamente ben.
«Dáme pena que non haxa substitución xeracional en moitos negocios»
Conchita García transmite unha enorme ledicia pola continuidade da librería, que xa está en mans dunha segunda xeración: as do seu fillo Anxo Álvarez, que apostou por manter o establecemento «no que tanto el, como o seu irmán, pasaron moitas horas e mesmo botaron unha man sempre que foi necesario ao volver do colexio», comenta orgullosa Conchita. Un relevo que xa se oficializou neste caso, pero que espera se poidan dar noutras moitas tendas e empresas. «Dáme pena que non haxa substitución xeracional en moitos negocios pero os fillos escollen outros camiños, e non queda máis que pechar. Estou moi contenta que non fose o noso caso e que haxa sucesión no negocio», comenta.
O destino quizais xa o tiña decidido no mesmo momento en que Conchita decidiu alá polo ano 1983 poñerlle nome ao establecemento: Librería Álvarez, que tamén foi no comezo tenda de deportes. «Púxenlle o apelido do meu home por se algún día un fillo noso decidía seguir os meus pasos de libreira, e finalmente así foi», afirma sorrindo. Dos case corenta anos detrás do mostrador lévase, di, unha clientela fiel e extraordinaria. «Viñeron os pais á librería a mercar e agora son clientes os fillos. Iso non se paga con nada». Atesoura tamén moi boas lembranzas dos compañeiros libreiros do pobo; «eramos un grupo de traballo marabilloso que lle chamaba a atención aos comerciais que nos visitaban pola unión que tiñamos. Hoxe xa hai máis individualidade», remacha.
Un bo montón de lectura atrasada por falta de tempo, viaxar, continuar coa natación e disfrutar máis da familia; e moi especialmente dos netos, ocupará a partir de agora boa parte das xornadas de Conchita sen perder de vista a librería «da que tanto gocei».