O Casal de Mouriscade, en Lalín, precisa dun uso que o libere da ruína

Daniel González Alén LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Daniel González Alén

O conxunto conta con singulares construcións e unha área recreativa

01 nov 2021 . Actualizado a las 22:17 h.

O Casal de Mouriscade, unha fermosa casa de campo rodeada dunha grande propiedade que en tempos foi centro dunha explotación agraria, esmorece por falta de uso logo de que a Deputación Provincial de Pontevedra, a que pertence dende hai case 50 anos, construíra hai un lustro novas instalacións para as oficinas, laboratorios e outras dependencias, ficando as vellas sen uso ou utilidade algunha, polo que fican case abandonadas e con escaso mantemento a mercé da ruína e dos vándalos que non tardaran moito tempo en asomar polo lugar.

A propiedade, situada na parroquia de Vilanova do municipio de Lalín, inclúe unha casa señorial de amplas galerías, con xardíns e froiteiras, fontes e estanques, hórreo e eira enlousada, palleira e outras dependencias, está rodeada dunha grande extensión de terras de prado e labradío e mesmo un muíño de maquía de dúas moas, fora mercada polo organismo provincial nos anos setenta do pasado século, aos seus antigos propietarios a familia López Vidal, para convertela en granxa modelo e centro de experimentación agrícola gandeiro e co tempo laboratorio e granxa cinexética.

Os antigos moradores do casal os López Gutiérrez e López Varela, tiveron notable protagonismo na política lalinense da primeira metade do século XX, segundo referimos nun artigo que acompañamos a esta reportaxe.

Na ampla casa señorial ademais das dependencias oficiais, residía nunha parte, a familia de Carlos Agulló, empregado da Deputación, que logo de tela cedida durante mais de vinte anos, se trasladou a principios deste século para outra casa señorial da súa propiedade, na parroquia de Vilatuxe.

Bo sería atoparlle unha utilidade a este casal para aproveitar estas singulares construcións que son centro da ampla propiedade da Deputación provincial, na que aparte das instalación agrarias referidas, tamén se atopa unha fermosa área recreativa á beira do río Asneiro, que inclúe o albergue municipal Vicente Agulló, o centro hípico Juan de Oliveira e as instalacións da Asociación Discapacidade Intelectual Aspadeza e de onde arrinca un precioso roteiro que percorre as ribeiras do Asneiro, que aquí é couto de pesca, e vai cara o Museo Casa do Patrón de Codeseda.