Colabora co Concello de Lalín, xunto a Jorge Peña, na campaña de control de avespas asiáticas no municipio
08 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.O Concello de Lalín repartiu entre os veciños das distintas parroquias do municipio 400 trampas co gallo de poñerlle freo á proliferación da avespa velutina. Reparto que se acompañou das informacións e consellos aportados por Jorge Peña e David Liñares, dous expertos na materia que veñen colaborando habitualmente neste tipo de iniciativas.
-Os veciños tiñan dúbidas sobre o trampeo?
-O 85 % dos que viñeron xa sabían de que ía o tema, e o 15 % restante achegáronse na procura de información e a pola súa primeira trampa. Moita xente é consciente da necesidade de capturar as avespas que acaban coas abellas, pero outros pensan que é un problema dos apicultores. Isto é coma en todo; hai quen se preocupa e quen non.
-É unha práctica efectiva?
-O trampeo é efectivo e recomendable sempre. Os datos avalan esta afirmación: no ano 2015 foi cando detectamos as primeiras velutinas, ao ano seguinte retiramos 70 niños, no 2017 rexistráronse 250 avisos, e no 2018 foron entre 350 e 400 avisos por outros tantos niños no municipio. Posteriormente no ano 2019 recibíronse 495 avisos, e o ano pasado chegamos a algo menos de 100 coincidindo xa coa entrega das primeiras 400 trampas entre os veciños.
-Foron anos de ensaios ata chegar a un preparado óptimo que atrae ás avespas.
-Os profesionais tivemos que ir desenvolvendo métodos ata dar co mellor para preservar as nosas abellas. A vantaxe é que a velutina entrou pola costa, alí tiveron o problema antes; e permitiunos ver o que usaron, o que funcionou e o que non, para non repetir os mesmos erros. O primeiro niño de velutinas en Lalín sacouse no 2015 e ata hoxe tivemos que ensaiar preparados diferentes, pero o mellor é o que se fai a base de levadora fresca de panadeiro, auga e azucre. Ao principio usamos atraíntes pero foron perdendo eficacia e chegamos á conclusión de que o que se está usando é o mellor preparado.
-En que datas se poden producir os ataques máis fortes?
-A finais de agosto e comezos de setembro, nós coa recollida do mel feita, pero con ataques que inflúen máis aos que vaian rozar silveiras ou prados. Antes dos traballos de desbroce convén botar un vistazo por se hai algún niño. Agora están facendo os primeiros e non son tan perigosas coma en agosto que pode haber ata mil avespas nun niño.
-E na procura da parroquia que recolla un maior número.
-Creo que é un incentivo interesante o que fixou o concello para aumentar a participación da xente. En maio recontaranse as capturas feitas e en xuño rematará o trampeo.