A plataforma do comercio de Lalín prefire bonos de compra

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

A exención de taxas e Merca Lalín reciben escasa valoración

24 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A Plataforma en Loita polo Comercio de Lalín puxo en marcha unha consulta entre os establecementos comerciais do pobo co gallo de coñecer as súas inquietudes en tempos de pandemia e restricións. Unha enquisa á que responderon 50 comerciantes, e da que se extrae que un 68 % desenvolven a súa actividade en locais alugados, mentres que o 32 % os teñen en propiedade.

A repercusión do covid evidénciase nos ingresos obtidos entre os meses de marzo e outubro que nun 47 % dos enquisados supuxo entre un 20 e un 40 % de descenso, ademais un 87 % observou un descenso de clientes nos establecementos dende que comezou a alerta sanitaria. A consulta lanzada polos membros da plataforma centrábase tamén na valoración das medidas postas en marcha ata a data polas administracións; así o 74 % deixou constancia da pouca utilidade que supuxeron as achegas do estado por peche ou redución de facturación. O mesmo sucedeu coas axudas municipais otorgadas por mor dos peches ou de redución de facturación en que o 78 % dos enquisados salientou a súa escasa efectividade. A plataforma Merca Lalín tampouco foi ben acollida polos comerciantes que tomaron parte nesta consulta e o 91 % afirmou que é pouco, moi pouco ou nada útil fronte ao 9 % que se lle ve utilidade.

Por outra banda, na valoración das propostas ao sector comercio a maioría dos enquisados, un 67 %, solicita a aplicación de exención das taxas municipais como unha das medidas necesarias para paliar a situación de crise no sector. Outra das peticións que cobra forza é a posta en marcha de axudas económicas directas pola redución de facturación, cun 72 % a favor, a exención de IBI (62 %), artellar bonos de compra para o comercio local cun 67 % de comerciantes a favor da iniciativa, e promover campañas de promoción (71 %).

Esta consulta ao comercio lalinense, que usará a Plataforma en Loita polo Comercio de Lalín para trazar liñas futuras de traballo e da que o 56 % dos seus membros pertencen a algunha asociación sectorial, se incluiu un apartado sobre as preferencias das propostas realizadas no que o 52 % dos comerciantes cren que se deberían de materializar bonos de compra para o comercio local, mentres que o 42 % expresouse a favor de recibir axudas directas por peche dos negocios ou redución de facturación pola situación sanitaria e, por último, e cun 6 % de adhesións se solicitan a activación de campañas de promoción para axudar ao sector.