Catro centros da zona participarán no programa Cuale o próximo curso

j. p. a estrada / la voz

LALÍN

MIGUEL SOUTO

27 jul 2020 . Actualizado a las 20:34 h.

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publicou onte a lista dos centros participantes no programa de cursos para a formación complementaria en linguas estranxeiras do alumnado (Cuale). Dos 32 centros de toda Galicia seleccionados, catro pertencen a Deza-Tabeirós: o IES Manuel Gacía Barros de A Estrada (coa modalidade B1 en francés), o IES Ramón María Aller Ulloa de Lalín (coas modalidades A1 e A2 en Inglés), o IES Laxeiro (tamén de Lalín e con modalidades A1, A2 e B1 en inglés e francés) e o IES Plurilingüe Pintor Colmeiro de Silleda (con A1, A2 e B1 en inglés).

A través desta iniciativa o alumnado poderá preparar as probas de calificación das escolas oficiais de idiomas dos niveis das ensinanzas especializadas en linguas. Tratarase de formación gratuíta, que se realizará fóra do horario lectivo. O plan Cuale desenvolverase en catro modalidades diferentes, correspondentes aos niveis A1, A2, B1 e B2 do marco común europeo de referencia para as linguas, e ofertarase dependendo do curso no que se atope o alumno.

O profesorado encargado de impartir o Cuale realizará probas ao final do curso en cada nivel. A superación de ditas probas supón a obtención dun certificado de aproveitamento do curso preparatorio, aínda que para conseguir os certificados oficiais é necesario que os estudantes superen as probas específicas das Escolas de idiomas.