Lalín pode que quedase sen feira 500 anos despois

daniel gonzález alén

LALÍN

18 mar 2020 . Actualizado a las 20:56 h.

Onte 18 de marzo non houbo feira en Lalín. Poida que despois de máis de cincocentos anos de celebración, sexa a primeira vez que a capital de Deza deixase de celebrar unha das súas feiras mensuais e polas trazas a suspensión vai para longo. Claro que xa hai máis de cincuenta anos que a feira se foi trocando nun «mercadillo», que pouco tiña que ver coas tradicionais feiras de sempre.

Da celebración da feira de Lalín hai documentación dabondo do século XVI en adiante, boa parte dela recollida polo investigador trasdezao Manuel Fernández Chaira no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra. Daquela celebrabase o redor da antiga torre fortaleza que fora dos Deza e nos últimos tempos antes da súa destrución, pertenceu aos condes de Lemos e cuxo recinto se foi trasladando cara a Donramiro co andar do tempo, sen librarse da especulación e os cambiantes xeitos do consumo e do mercado que foron impoñendo os novos rumbos do mundo.

A feira de Lalín que nós saibamos, non deixou de celebrarse nises mais cinco séculos de existencia, nin cando a Guerra da Independencia, nin nas dos Carlistas e Isabelinos e mesmo na Guerra do 36, con maior ou menor concorrencia

Da feira de Lalín deixou lembranza no seu traballo a extraordinaria fotógrafa Ruth Matilda Anderson, cando en xaneiro do ano 1926 visitou estas terras dende Santiago de Compostela, facendo un mollo de fotos, lembranza daquelas feiras tradicionais que enchían de xente as rúas e negocios da vila, hoxe baleiros pola pandemia que estamos a sufrir.