Alba Forno: «Elaboramos unha lista forte, de xente nova e implicada»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

cedida

A concelleira socialista postúlase ao cargo, que terá que respaldar a militancia o venres nunha asemblea

03 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Alba Forno Crespo foi unha das caras novas presentadas polo Partido Socialista de Lalín nas eleccións municipais do pasado mes de maio. Número dous da lista dos socialistas encabezada por Román Santalla, a actual concelleira podería ser nomeada o próximo venres secretaria xeral da formación despois de materializarse a dimisión no mes de setembro, da anterior executiva que lideraba José Antonio González. A asemblea xeral extraordinaria está fixada para este venres, 6 de marzo, ás 20.30 horas en primeira convocatoria e media hora despois ás 21 horas en segunda, celebrándose nas instalacións da sede do partido lalinense.

-Recén chegada á política e moi posiblemente a próxima secretaria xeral.

-Bueno, quen o vai a decidir é a militancia do noso partido. Que me postulo ao cargo é algo seguro, pero despois haberá que ver o que deciden os militantes na asemblea desta semana que son os que teñen a palabra e a decisión última neste tema. O que está claro é que alguén tiña que dar o paso, e animada por uns compañeiros, tomamos a decisión de coller as rendas e de dar este paso.

-Como é a candidatura que está elaborando?

-É unha lista forte, de xente nova e implicada. Son persoas con moitas gañas de traballar, que ao fin é o que realmente conta e xente moi válida para liderar este proxecto. É unha lista na que se está incorporando xente nova, persoas que acaban de entrar en política, é iso é de suma importancia xa que é bo escoitar as inquedanzas dos mozos e mozas xa que teñen moita forza e nos axudarán a dar frescor e tirar para adiante con este proxecto.

-Semella que encabeza a única candidatura que se vai presentar.

-Polo que sei, ata a data, a candidatura que encabezo é a única que se presenta pero pode chegar alguén o propio venres e presentar o seu proxecto. É un proceso aberto a todos os militantes e calquera persoa pode presentar a súa candidatura xa que está no seu pleno dereito. Iso quere dicir que ata o vindeiro venres no saberemos nada. Non podemos adiantar ningún tipo de acontecemento.

-Independentemente do que pase o venres, como encararán as eleccións do 5 de abril?

-O que temos moi claro é que imos traballar moi duro de cara as próximas eleccións, que están xa á volta da esquina, e o noso obxectivo está posto en sacar os mellores resultados posibles na zona para apoiar ao noso partido. A intención dende logo que pasa por traballar moito nestas vindeiras semanas para intentar acadar os mellores resultados posibles.