Soños e realidades


Cheo ata a bandeira! Así é como estivo o pasado día 1 o auditorio do Museo Etnográfico Casa do Patrón, que quedou pequeno para acoller ás preto de 200 persoas que nos arrouparon na primeira presentación do libro O Segredo do Castro de Doade. A todas elas, infinitas grazas, e tamén ás outras moitas persoas que querían acompañarnos neste acto e non puideron facelo. Orgulloso e agradecido é como me sinto por semellante apoio recibido. Este libro de 160 páxinas de gran calidade, con numerosas fotos e láminas a toda cor, feito dende o corazón, pretende dar a coñecer coa maior fidelidade posible a realidade histórica e actual do Castro de Doade, da súa contorna, a súa paisaxe e a súa historia, cos datos existentes a día de hoxe, pero tamén os seus mitos e lendas que forman unha parte esencial e igual de real da nosa fermosa tradición oral e da cultura popular galega, a singularidade da súa paisaxe, o espírito das súas xentes, o camiño que aínda nos queda por percorrer ...

Está escrito nunha linguaxe simple e comprensible, de fácil lectura, dirixido a tódolos públicos, xa que demasiadas veces a historia contida nos libros é só a dos ricos, porque a dos pobres lévaa a auga polas correntes dos nosos marabillosos ríos e regatos; pero neste caso trátase da nosa historia: a dos pobres, a do noso pobo , en definitiva, a de todos nós, que está apegada á terra e non se deixa arrastrar facilmente.

A obra tenta ser unha equilibrada mestura das lendas, mitos, soños e realidades dos nosos devanceiros máis achegados de hai vinte e cinco séculos, e tamén dos soños e realidades dos actuais veciños de Doade, que nacemos, vivimos e morremos nos arredores do Castro, ao que todos veneramos, porque agora, coma daquela, é preciso soñar algo para poder conseguilo, e as cousas máis importantes só se lle manifestan a aqueles que as buscan con verdadeira fe, constancia e ilusión. Como dicía Calderón : «Que quizais soñando estou, aínda que esperto me vexo? Non soño, pois toco e creo, o que fun e o que son». «Estamos nun mundo tan singular, que o vivir só é soñar; e a experiencia ensíname, que o home que vive, soña o que é, ata espertar». (A vida é soño).

Unha sexta escavación para atopar un terceiro foso

Quero subliñar que esta importante investigación vai a continuar no Castro de Doade o vindeiro ano, sendo a firme intención do Museo acometer no 2019 a sexta campaña de escavación, na busca dun terceiro foso defensivo, da porta de entrada orixinal da «aurela» ou coroa, de máis estruturas habitacionais e restos arqueolóxicos mobles na zona de escavación en área feita no poboado.

Tentaremos realizar tamén un proxecto de prospección das múltiples mámoas existentes na nosa parroquia, procedendo a súa localización, sinalización e limpeza ata onde nos resulte posible, tratando de escavar unha delas no futuro, converténdoa nunha referencia das demais.

Un libro científico

Aínda que xa temos unha práctica Guía turística e arqueolóxica do Castro de Doade, de 45 páxinas, tamén o libro O segredo do Castro de Doade, de 160 páxinas que vimos de publicar, para completar a difusión da gran labor realizada, en base a abondosa documentación existente do Castro, que xa se está a expoñer nos congresos de arqueoloxía en Galicia e Portugal, faise necesaria a edición dun libro científico desta fortificación da Idade do Ferro, un volume dunhas duascentas páxinas, de eminente carácter técnico. Este será redactado polos propios arqueólogos e profesores da USC e promovido pola Casa do Patrón, que desexamos sacar á luz no transcurso do vindeiro 2019, para poder informar debidamente sobre os relevantes datos obtidos no noso castro, de gran singularidade no eido defensivo polo súa complexa rede de fosos que circundan o antecastro arredor da muralla da súa coroa, a tódolos profesionais do mundo da arqueoloxía, tanto a nivel nacional como internacional.

Queremos agradecer publicamente á Consellería de Cultura e á Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, tamén a Deputación de Pontevedra a súa colaboración, á empresa Orixe Publicidade e Comunicación pola excelente maquetación da obra, á editorial A Formiga Rabicha, pola calidade da impresión e á totalidade dos organismos públicos (Consellería de Cultura, Deputación e Concello de Lalín) así como ás entidades privadas, aos equipos de arqueólogos, numerosos colaboradores e veciños nomeados ao longo do libro pola súa gran axuda e as achegas realizadas, sen as cales resultaría imposible a execución das campañas arqueolóxicas, así como a edición do libro, apoio que precisamos se manteña e incremente cara ao futuro, que unido ó noso colosal esforzo, nos permitirá acadar os obxectivos propostos.

Porque tan só hai unha cousa que fai imposible un soño: o medo a fracasar.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Soños e realidades