Arlette Velázquez dirixirá o Coro Luís Areán ata final de tempada

amelia ferreiroa

LALÍN

MIGUEL SOUTO

15 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O anuncio da próxima marcha de Isabel María Rubio Molina comporta cambios inminentes e reaxustes obrigatorios tanto na dirección da Banda de Lalín como no seo dos coros Luís Areán e o xuvenil, este último posto en marcha moi recentemente. Precisamente co gallo de falar do futuro das dúas agrupacións corais tivo lugar onte no Salón Teatro de Lalín un encontro cos pais dos mozos intérpretes ao que asistiu a directiva María Sixto, xunto á actual directora das formacións Isabel María Rubio, e quen se fará cargo dos vindeiros ensaios, Arlette Velázquez. A moza música cubana, que vén colaborando habitualmente cos coros dende meses atrás, e perfectamente coñecedora do traballo que se desenvolve no seo das formacións, será a encargada de dirixilas ata final de tempada, segundo se lle comunicou aos pais dos rapaces.

A pianista Arlette Velázquez será pois quen tome as rendas dos dous coros unha vez remate a súa estadía profesional en Lalín Isabel María Rubio, nun principio ata finais de tempada, «pero despois xa se valorará a posibilidade de que continúe para o vindeiro curso ou se se aposta por outra persoa», sentenciaron dende a directiva. De momento están en funcionamento o Coro Luís Areán, con 24 rapaces de entre 5 e 12 anos, e o Coro Xuvenil, que conta nas súas filas con once membros, con idades que van dende os 12 e ata os 17 anos. «Unha agrupación xuvenil que ten pendente aínda poñerlle nome, algo que se pretende que fagan os propios integrantes, como tamén levar a cabo unha presentación oficial da mesma e captar máis novos coralistas.

Por outra banda a Coral Polifónica de Lalín celebrará este domingo un novo curso de técnica vocal, que será impartido por Carmen Rey. Levarase a cabo en horario de 11.30 a 13.30 e de 16 a 18 horas e posteriormente a profesora ofrecerá unha actuación xunto ao seu cuarteto de jazz no Salón Teatro lalinense ás 19.30 horas dentro do Festival de Outono.