Fiando na roca...


Ben podía ser o pé de foto dunha moura dos nosos castros hai máis de vinte séculos, o título dunha colección de cantares galegos, un baile de pandeireteiras, un libro da nosa historia ou mesmo o nome dunha banda folk galega, pero neste caso é a imaxe que nos quedou gravada na retina o pasado sábado, día 20 de outubro do 2018, na gran fía e tecido tradicional do liño celebrado no Museo Casa do Patrón de Lalín, con motivo da décima edición anual deste orixinal evento.

Foi esta unha xornada máis recreando esta fermosa tradición do noso rural, cun auditorio abarrotado por centos de persoas procedentes de toda Galicia, dende Puxedo (Lobios) ata A Coruña, pasando pola Estrada, Ourense, Santiago, Lugo, Vigo, O Carballiño... e tamén da nosa comarca do Deza, que non faltaron á súa cita anual coas raíces da nosa cultura máis enxebre, presenciando e mesmo participando activamente nesta xornada etnográfica, cultural e festiva, chea de traballo e nostalxia, pero tamén de alegría, música, cantigas e bailes tradicionais, acompañados dunha boa merenda, como se facía antano.

Segundo a maioría dos arqueólogos, o tecido é unha das técnicas milenarias máis empregadas polo home dende os tempos máis remotos, para satisfacer unha das súas necesidades fundamentais: a de cubrir o seu corpo para facer fronte ás inclemencias do tempo.

A presenza de sementes de liño, así como restos de teares (pesos) e numerosas fusaiolas nalgúns castros como o de Doade, confirman a utilización da devandita fibra para a elaboración de teas hai polo menos 2.500 anos.

Os nosos liños eran moi apreciados en Roma, continuando ao longo de centos de anos, ata que a principios do século XX o cultivo do liño e a produción de lenzos artesanais en Galicia foise abandonando progresivamente ata desaparecer, cara a década dos 60.

Da súa importancia dan idea os nomes toponímicos de numerosos lugares galegos, como Liñares, Liñeira, Liñar..., existindo na práctica totalidade das parroquias e lugares galegos algunha zona chamada «o liñar», que eran as herdades onde se sementaba o liño.

Grazas á inestimable colaboración das tecedeiras de Zobra, e dos propios veciños de Doade, o Museo reproduce no mes de outubro de cada ano o laborioso proceso do liño, que pasa polo ripado, mazado, espadelado, restrelado, fiado, ensarillado, branqueado, urdido e tecido desta curiosa planta, utilizando os apeiros da gran sala de exposición do liño que podemos visitar no Museo de xeito permanente, composta por mazas, mazadoiro, ripo, restrelos, espadelas, rocas, fusos, sarillos, devandoiras, urdideira e teares, sen dúbida a máis completa de Galicia no seu xénero.

Xa hai doce anos que publicamos un completísimo vídeo sobre este proceso produtivo que constituíu durante decenios un dos piares económicos básicos da Galicia interior, debidamente explicado e comentado, erixíndose tamén nun referente dos obradoiros e demostracións da Casa do Patrón.

Que memorable espectáculo ver como traballa ao unísono este equipo de grandes expertos, cos fusos bailando ao compás do son da espadela e do canto do tear, completando o escenario co múltiple colorido da nosa exposición de colchas, sabas, mantas, camisas, saias, chalecos, mandís..., feitos de la e de liño, contidos no inventario do Museo!

Reiterar a maior das gratitudes ás numerosas persoas que participaron e aos centos de visitantes que nos acompañaron nunha festa tan auténtica e marabillosa como foron as fías tradicionais galegas dos nosos avós, aos que pretendemos honrar acotío co noso traballo dos últimos 23 anos, nun recuncho de Lalín: o lugar de Codeseda, unha aldea chamada a entrar nos anais da historia da «nosa terra» pola continuada e intensa actividade cultural que desenvolve.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Fiando na roca...