Antonio Rodríguez: «A compostaxe permite reducir custos e aforrar en químicos»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

rober amado

Botou a andar a primeira área de compostaxe comunitaria en Lalín, con vinte familias por módulo

28 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A Unión Europea esixe poñer en marcha plans encamiñados á separación selectiva do lixo co gallo de acadar unha reutilización e reciclaxe dun 50 % dos residuos municipais. Case a totalidade dos concellos galegos están por debaixo do 10 % da taxa de reciclaxe polo que se fai preciso traballar nese eido. Lalín puxo a andar o pasado mércores a primeira área de reciclaxe comunitaria, dentro do Plan Revitaliza da Deputación. José Antonio Rodríguez Gutiérrez, mestre composteiro, é quen se ocupa de resolver dúbidas dos cidadáns e de vixiar as boas prácticas á hora de guindar orgánicos para acadar un compost de calidade.

-Cantos veciños están chamados a participar neste plan?

-Son os que se atopan nos 150 metros de radio da área de compostaxe, que está ao carón da horta comunitaria. É unha área de seis módulos e poderán depositar orgánicos vinte familias en cada un deles. Teremos aberto o módulo de aportación, que lle chamamos, e no que poderán ir depositando todos os restos de cociña, horta e xardín se teñen. O máis importante é separar ben os residuos que se xeneran na casa.

-A dúbida probablemente máis común céntrase en que pode ir ao composteiro?

-Hai dúbidas. Pódense depositar os restos de comida tanto crúa como cociñada, as mondas das patacas, de plátano, pasta, arroz, pan, borras de café, bolsas de té pero sin as grapas, as cascas de marisco e o papel de cociña e servilletas brancos; sen tinta nin cor xa que levan metais pesados e dan despois problemas nos resultados finais, tamén poden ir ao composteiro. Nós tamén permitimos a carne, peixe e ósos... O noso traballo consiste en dar resposta ás dúbidas que prantexan os veciños, facer os controis pertinentes dos parámetros de humidade e que se engada o estruturante necesario.

-Que é o estruturante?

-Son os restos de poda que fai o concello, e que se depositan ao carón dos composteiros para logo engadilo aos orgánicos. O estruturante é o que fai que non haxa problemas coas moscas ou mosquiños.

-O céspede pode usarse como estruturante?

-Así en verde, non. Hai que deixalo secar ao carón do composteiro e logo xa se pode ir engadindo. Salientar que se non se engade estruturante compáctase todo o que temos no composteiro ao non entrar osíxeno.

-Cal será o destino do compost?

-Despois de 3 ou 4 meses cribarémolo todo para retirar as materias que non se degradaron e porase a disposición dos usuarios. Se hai excedente irá para parques e xardíns do concello.

-Ventaxas múltiples?

-Claro. A compostaxe permite reducir na cantidade de lixo que vai ao colector verde e logo a Sogama e aforrar en fertlizantes químicos. De feito a Deputación fará un reparto de composteiros individuais para ampliar estas boas prácticas.