«Recuperamos a tradición dos pasarrúas»

amelia ferreiroa

LALÍN

cedida

Por vez primeira sete mulleres da parroquia se fixeron cargo duns festexos que darán comezo nesta xornada

08 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Os comezos foron duros. Non tiñamos idea de como organizar unhas festas, estabamos algo perdidas pero fomos sacándoas adiante». Dese xeito resume Pía Reboredo o que foron os primeiros pasos dados polas integrantes da comisión organizadora dos festexos do Montserrat, en Donramiro, que arrancan hoxe e terán continuidade ata o luns. Unha parroquia lalinense que por primeira vez loce unha comisión totalmente en feminino; xunto a Pía están Mery, María, Mari Carmen, Marta, Isabel e Carmencita; «xa que así nos elexiu a anterior comisión, claro que houbo mulleres en anteriores ocasións pero nunca un grupo íntegramente feminino pero a verdade é que estamos encantadas», aseguran.

Unha comisión organizadora que apostou por sacar adiante un programa para todos. «As festas non son só para os mozos senón tamén para maiores e nenos». E baixo esa premisa diseñaron un programa que arranca esta mesma tarde con xogos para cativos e adultos a cargo de Eduvía e actuación de Máisquedanza, para pola noite disfrutar da charanga Mekánica e o grupo Nazareth. Mañán domingo abrirase o segundo día de festexos cun pasarrúas, «unha tradición que recuperamos este ano e que nos ven a significar que estamos de festas na parroquia», comenta Mery Granja. De dito pasarrúas encargarase o grupo Bico da Balouta, haberá subida da santa dende a igrexa ata a Capela do Montserrat ás 12.30 horas para disfrutar logo da sesión vermú a cargo da Banda de Lalín para pola noite bailar coa orquestra Cinema e Quien lo diría. «O luns será o día grande do Montserrat e haberá pulpeiro na carballeira para os que queiran vir a comer, mellor reservar mesa», insisten dende a comisión. Unha xornada na que tocará Pachi e Montse na sesión vermú, e para pechar os festexos verbena con Nebraska e Olympus. Unhas festas que custan 40.000 euros e nas que «temos que darlle as grazas aos veciños e comerciantes polas súas aportacións».