A comisión de As Dores apela á axuda veciñal para poder ampliar programa

O petitorio, que comezou nos establecementos, non se levará a cabo nas vivendas


lalín / la voz

A pouco máis de dous meses para a celebración das festas patronais de As Dores de Lalín a comisión organizadora non escatima tempo e esforzos para tentar pechar o mellor programa posible, pero para elo «precisamos que a xente do pobo colabore e non se centre en falarnos mal que estamos traballando para todos», sentenciou Paula Fernández dende a organización.

A Asociación Cultural Virxe das Dores conta nesta edición cunha xunta directiva formada por seis persoas: José Luis Crespo, Paula Fernández, Alberto Cachafeiro, Santi Castro, Felipe Varela e Iván Fernández, que conforman o grupo de traballo que está aproveitando os ocos que lles deixan os seus empregos para centrarse na elaboración «dun programa completo pensado para todos os públicos». Concertos coma os de Noite Fechada, Ses, Pauliña e Nao ao igual que as actuacións das orquestras Panorama, Paris de Noia, Satélites e Combo Dominicano están pechadas.

Os organizadores queren ir a máis pero todo dependerá dos lalinenses. «Estamos á espera da recadación para poder ampliar o cartel. Agora mesmo temos os algo máis de 1.900 euros que deixou a anterior comisión e algunha axuda máis pero non dá para pagar a metade do que custa unha orquestra boa», matizou Paula Fernández.

Moito traballo resta para facerse cos 140 ou 150.000 euros que custarán os festexos deste ano. «O petitorio xa se está facendo polos establecementos e nos domicilios fixemos o buzoneo co número de conta que temos aberta en Abanca para que a xente colabore coas festas», explicou Felipe Varela. Outra forma de colaborar coas Dores é mediante inserción de anuncios no libro das festas que se está confeccionando ou mercar rifas para o escaparate, valorado nuns 20.000 euros, que se sorteará o 28 de setembro coa Once. «As rifas están xa á venda en establecementos que locen carteis cos distintivos pertinentes; custan 1 euros e 50 céntimos ao mercar talonario», apuntaron dende a organización.

Un ano máis a comisión valora ubicar as orquestras por diferentes puntos do casco urbano «pero creo que se debería de pensar en situalas en puntos fixos, tal e como se fai noutros sitios, para que a xente se mova por todos os rincóns». Aínda deben tomar unha decisión definitiva.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

A comisión de As Dores apela á axuda veciñal para poder ampliar programa