Despois de vinteún anos no colexio lalinense Xesús Golmar e corenta de traballo, María Jesús Froiz afronta unha nova etapa vital
23 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.No Ceip Seara en Moaña comezou a lalinense María Jesús Froiz Gil a súa andaina profesional como mestra. Agora, con máis de dúas décadas ás costas no colexio Xesús Golmar de Lalín, e corenta de traballo, deixa as instalacións do centro no que exercía de directora con motivo da súa xubilación.
-Chegou como maestra e posteriormente nomeárona directora.
-Cheguei ao Xesús Golmar no ano 1997, levo aquí pois vinteún anos. No meu primeiro nomeamento ocupei unha praza de Educación Infantil, exercín de secretaria durante cinco anos e no ano 2007 nomeáronme directora, cargo que ocupei ata hoxe.
-Chega á xubilación oficial a fin de mes, por anos de servizo?
-Aínda que levo corenta anos traballando, a miña xubilación é voluntaria.
-O Xesús Golmar é o ceip lalinense que máis alumnos acolle, máis de 600, e no que se visibiliza unha ampla diversidade funcional en cativos. É un centro que soubo traballar a integración dende a aula?
-A integración é fundamental para todas as persoas e máis aínda para o alumnado, pois a través das relacións cos iguais aprendemos a resolver moitos problemas e a facérmonos autónomos, neste senso trabállase en todas as aulas e en todos os niveis e estase atento a calquera problema que poida xurdir, por se procede realizar algún tipo de intervención. Tamén se crea unha sensibilidade especial por parte do alumnado cara ás persoas con problemas, e todos aprendemos de todos, e todos saímos gañando, nese sentido a diversidade é enriquecedora.
-Centro que foi pioneiro na posta en marcha dun servizo de conciliación a través da Anpa. Como o valora?
-Hoxe en día sería impensable o funcionamento do centro sen ese servizo xa que permite a moitas familias dar solución a un problema sen resolver por parte da administración e que supoño que ten moito que ver coa baixa natalidade da nosa comunidade. Somos conscientes da angustia das familias para poder conciliar.
-Foi doado coordinar todo?
-Pasamos etapas de moito traballo coa construcción e traslado ao novo centro. Nada é fácil nun centro tan grande porque para estudar, consensuar e debater precísase tempo, e tempo fóra do horario lectivo, o que implica moitas horas que restas á túa vida privada.
-O mellor e o peor?
-O mellor as vivencias co alumnado que nunca deixa de sorprenderte, co profesorado e con toda a comunidade, o levantarte pola mañán pensando que no teu traballo estás a gusto e que é un traballo de todos. O peor foi o traslado do cole en plena Semana Santa, todo un reto!
«Sería impensable o funcionamento do centro hoxe sen contar co servizo
de conciliación»