Os méritos de Xesús Mato para recibir a Medalla Castelao

daniel gonzález alén LALÍN

LALÍN

Cedida

Moitas voces apoian a idea polas súas iniciativas en Lalín en materia social e cultural durante anos

25 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Pídoche e mesmo che suplico que non movas un dedo para ningunha homenaxe ou distinción que se me puidera facer en Lalín. Pódoche dar razóns dabondo para non facer nada nesa liña. Espero que o comprendas e que, segundo fuches o primeiro en ceibar ideas, sexas tamén o primeiro en dar marcha atrás. Iso agardo de ti...». Así de contundente se amosaba o sacerdote e bo amigo noso Xesús Mato Mato, cando vai para dous anos publicabamos un artigo gabando o seu labor pastoral, social e cultural en Lalín e comarca a finais dos anos 50 e a merecida homenaxe popular que os habitantes destas terras tiñan pendente de lle tributar.

Penso que non falto ao rogo que me facía o amigo Xesús Mato entón, xa que agora son os do seu concello natal de Paradela (Lugo) en pleno e o grupo municipal do PP en Lalín quen andan a propoñer á Xunta de Galicia a distinción dunha merecida Medalla de Ouro Castelao para el.

Quen pasamos dos sesenta tivemos ocasión de ollar de primeira man o gran labor desenvolvido por Xesús Mato Mato entre os anos 1958 e 1967, en que estivo destinado como coadxutor na parroquia de Lalín. Tomara posesión cando o alcalde González Taboada Licho, con quen mantivo sempre unha boa relación e colaboración, contribuíndo de xeito notable en favorecer a integración entre as distintas clases sociais que entón se mantiñan na aínda cativa vila de Lalín. Para os máis novos tentaremos resumir o labor deste cura, investigador, musicólogo e xornalista, nativo do municipio lucense de Paradela e agora xubilado no de Portomarín, nestas terras de Deza nas que deixou inesquecible lembranza e moitos amigos.

Á parte do seu labor pastoral na parroquia das Dores e docente como profesor no Colexio Sagrado Corazón, fundou a Coral Polifónica de Lalín, integrada por medio cento de veciños que acadou éxito naquelas anos; tamén a emisora de radio parroquial La Voz de Deza e Cáritas comarcal para axudar aos máis necesitados que xa daquela abondaban. Tamén cabe subliñar o seu labor na organización de actividades culturais, deportivas e recreativas, moitas delas con finalidades benéficas, destacando na loita a prol do idioma galego, entón marxinado, e na recuperación do folclore popular, recollendo cantigas e contos, moitas veces coa colaboración do noso pai Daniel González O Tío Xanete, de quen herdamos a amizade e o afecto que lle profesamos de vello.

En 2016, Xesús Mato cedeunos todo o material que gardaba no seu arquivo con fotos, películas e notas referentes á actividade cultural, deportiva e recreativa lalinense na que tivo importante participación naquela década que referimos e do que ofrecemos aquí unha mostra con estampas.

Do seu labor noutros lares e distintas facetas: emisora da Cope en Lugo, Fuxan os Ventos, A Quenlla, Orfeón Lucense, tense publicado documentación dabondo e mesmo se publicou un libro en 2009, que co título Mato sono io… (Eu son o tolo) recolle os testemuños dun cento de amigos que eloxian a súa persoa e a súa obra.

Temos publicados diversos artigos nos que contamos coa participación de moitos dos nosos amigos e veciños que coincidiron en gabar a figura deste cura exemplar e os merecementos que ten acadado para calquera distinción ou homenaxe que se lle queira tributar, coidando que o pleno do Concello de Lalín debería secundar a solicitude dunha Medalla Castelao que nesta ocasión sería plenamente xustificada.

O PP destaca do cura a súa defensa da cultura galega e a xustiza social

O Partido Popular de Lalín require da corporación que se sume á petición formulada polo Concello de Paradela para solicitar da Xunta de Galicia a concesión da Medalla Castelao a Xesús Mato. Unha moción na que os populares argumentan os múltiples méritos, algúns deles relacionados con Lalín, focalizados na defensa da cultura galega, da nosa música, dinamización e xustiza social, que fan merecente a Xesús Mato deste recoñecemento. De el dicía o xornalista Ricardo Couto, recentemente finado, que «foi o principio da revolución de Lalín nos anos 60», en relación precisamente ao dinamismo cultural e social que achegou á vila con ideas como a radio, a coral polifónica e diversos grupos musicais. Un adiantado ao seu tempo que deixou fonda pegada nas terras lalinenses.