Lalín despide con sinxeleza a don Manuel, persoa próxima e querida

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

miguel souto

O solemne funeral, celebrado na igrexa das Dores, foi presidido polo bispo de Lugo

20 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Os restos de monseñor Manuel Salgado Silva, cura emérito de Lalín, xa repousan no cemiterio da súa parroquia natal de Rairiz (Santiso) despois de celebrarse onte na igrexa parroquial de Lalín un funeral multitudinario polo seu eterno descanso que presidiu o bispo de Lugo Alfonso Carrasco Rouco, e ao que asistiron o Vicario Xeral Mario Vázquez, o Vicario de Pastoral Luis Manuel Rodríguez, o Arcipreste de Deza José Pérez, o delegado do clero en Lalín Miguel Asorey e compañeiros sacerdotes.

Dende a casa reitoral, onde se instalou a capela ardente por expreso desexo da familia, e ata o templo parroquial chegou o cadaleito cos restos mortais de don Manuel a ombreiros de compañeiros sacerdotes para darlle o último adeus ao que fora cura de Lalín nos últimos trinta anos. Silencio nunha igrexa ateigada de fieis e duns sesenta sacerdotes chegados de toda a diocese que só se veu rachado polas voces do quinteto Voz Stellae de Santiago e a «Aria, Suite en Re de Johann S. Bach» coa que abriu a misa funeral.

Da homilía fíxose cargo o bispo de Lugo que lembrou a don Manuel como unha persoa próxima e querida pero sobre todo, afirmou, «a súa principal característica foi a de sacerdote. Sempre foi fiel ao Señor, non presumiu doutras cualidades máis que de ser sacerdote e queremos recordalo así». Alfonso Carrasco tamén quixo remarcar as cousas boas da vida. «É bonito pensar que están representadas aquí todas as cousas boas da vida: a familia, raíz profunda na natureza e o amor dos país que se reflexa na vida cotía; a parroquia, camiño de comunidade, e a igrexa que somos todos».

Acto impregnado en todo momento de solemnidade e nos bancos do templo parroquial lalinense presenza do alcalde de Lalín Rafael Cuíña Aparicio, do concelleiro Miguel Medela e emoción contida dalgúns fieis, algunhas bágoas de quenes foron catequistas con don Manuel ao longo de moitos anos e dos que forman parte dos grupos de Adoración Nocturna feminina e masculina que impulsou o cura lalinense. Un padrenuestro cantado en latín e para despedir a don Manuel da que foi a súa fiel morada ao longo de máis de tres décadas o «Alle Menschen Müssen Sterben de Johann S. Bach», todos os homes deben morrer.