Hoxe • A partir das 18 horas • Igrexa de Botos (Lalín) • Entrada libre • A Coral de Botos organiza o que será o seu terceiro Concerto de Corais e farao na igrexa parroquial co gallo de favorecer a asistencia de todos os veciños ao acto, que está previsto de comezo pouco despois das seis da tarde.
A formación coral, que preside Irene García Docampo, convidou a dúas agrupacións ao concerto: á Coral Polifónica de Agolada e a agrupación coral de Santiso (A Coruña) que, xunto a agrupación anfitriona interpretarán catro temas cada un. «Nun anterior concerto eran cinco temas e fíxose un chisco longo polo que preferimos que os asistentes se queden con desexos de máis», explicou a presidenta.
A directiva da Coral de Botos agradeceu a boa disposición atopada no párroco Francisco Lodeiro para poder facer uso do templo parroquial para a celebración do evento e convidou a veciños e interesados en asistir ao concerto. Unha formación coral que prepara por outra banda a súa participación noutro vindeiro concerto; o que se celebre o próximo 11 de novembro no Casino do Carballiño.