Distinción para un home que lembra un Lalín que xa queda só no recordo

Olimpio Pelayo Arca Camba
o. p. arca LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Rober Amado

Pasteleiro durante 40 anos e amante das feiras, compartiu mesa e xornadas de caza con José María Castroviejo

07 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Antonio Darriba Buitrago, Caspatín, é home fácil para a conversa. Aos seus 70 anos, é memoria viva dun Lalín que xa queda só no recordo dos maiores. Aquel pobo que hai 60 anos «eran dúas calles: O Tirabeque, o Barrio de Abaixo, José Antonio e a General, e en Bos Aires era xa a feira dos porcos. Eu lembro facer a rúa A, a rúa B, e dende a estación de autobuses cara o Montserrat: empuxabamos as vagonetas, que tiñan un tope onde está o Compostela, e tirabamonos polo terraplén abaixo».

Eran tempos máis duros, nos que xogaban ao balón na súa rúa Bos Aires en plena estrada: «Pasaba un Castromil, un coche que ía ao Ribeiro, e para de contar». Pero era unha época que garda Caspatín na súa memoria, que comparte a cotío cos veciños de Lalín: «Empezamos a repasar a historia de familias enteiras, ata chegar aos netos». Outras veces, son historias e contos cos que engaiola a compañeiros de partida e amigos. E ben o tempo para facelo, «para contar uns contiños cunhas tazas de viño e unhas castañas pola noite, que é cando te inspiras», sinala. Porque Darriba ten claro que «hai que pasalo ben mentres se poida, porque cando o menos o pensas dache un patatús e estiraches a pata, e logo acórdanse de ti, ou non».

Un «sociólogo da experiencia»

Por iso agradece que o Foro para Cultivos Culturais se lembrase del para outorgarlle o Loureiro de Ouro 2017, por ser un «estudoso da comunidade humana de Lalín e máis alá, sociólogo da experiencia, cultivador do canto de xílgaros e canarios, da retranca» e tantos motivos máis. É un recoñemento logo de máis de catro décadas endozando a vida dos lalinenses, dende o seu traballo na desaparecida pastelería El Maño: «Empecei con 15 anos e parei hai 12, con 58. Nos inicios era un traballo duro, porque non había máquinas: batíase todo a man, e traballábase das 6 da mañá ás dúas da tarde. Eran outros tempos, pero un aguantaba porque era novo». Agora, aos 70 «aínda penso que son un chaval. Cando eu rapaz, un home desa idade era un vello, e sentíase vello».

Naqueles anos nos que compartiu nalgunha ocasión mesa e cacería co escritor José María Castroviejo, polo Monte da Lagoa en Dozón: «Ía de caza con el e co dentista Mauro Fernández Silvela. Aínda que Castroviejo viña máis ás setas que de caza. Era un home pequeniño, moi simpático e afable, comportábase como calquer paisano. Cazabamos pola mañá, e logo íamos comer ao Mazado a Rodeiro, e ás veces pola tarde entre o café e as copas xa non volviamos ao monte». Tempos sen présa, como agora que Caspatín pode desfrutar cada tarde da partida cos amigos; na espera de que a noite sexa propicia para esas historias do Lalín que xa se foi.