Lalín partirá rumbo a Holanda

Alicia Manso, j. b. LALÍN / LA VOZ

LALÍN

miguel souto

Once serán os rapaces que acudirán este ano ao intercambio anual «Linden saúda Linden»

10 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Como cada ano por estas datas ultímanse os preparativos en Lalín por parte de Cirla para emprender a viaxe cara o destino Linden correspondente. Este ano, en concreto, ten como rumbo a vila de Linden/Cuijk, o Lalín holandés. Unha comitiva de once rapaces con idades comprendidas entre os quince e os vinte anos, -dos cales seis deles xa repiten experiencia- acompañados de dous monitores partirán cara o encontro xuvenil.

Este ano terá lugar entre os días 3 e 12 de agosto e nel participarán Ana Blanco, Sonia Rivas, Uxío e Xabi García, Marcos Otero, Stephany Mato, Mónica Otero, María Rodríguez, Cristina Costela, Jaime Blanco e Jesús Peña coa supervisión de Iago González e Álex Mosquera, que se ocuparán de guiar aos mozos acompañándoos en calidade de monitores. Dende Lalín partirán o día 2 e estarán de volta o 13, aproveitando así para visitar e facer noite en Amsterdam e Utrech respectivamente. O desprazamento dende a cidade ata Linden/Cuijk e viceversa farase en tren.

Este intercambio corresponde ao programa anual de actividades do proxecto Linden saúda Linden coordinado polo Comité de Irmanamento de Lalín (Cirla) e pertencente a Federación de Vilas Europeas do que Lalín forma parte. Dende o ano 1997, xunto con outros cinco concellos de Austria, Alemaña, Bélxica, Holanda e Francia prodúcese un encontro entre aproximadamente dez rapaces de cada vila para abordar diferentes materias. A temática deste ano xirará en torno á cultura e a comida tradicional de cada país. Para que cada territorio de a coñecer a súa cultura culinaria, terán unha actividade masterchef na que os rapaces terán que comprar e elaborar eles mesmos os produtos típicos da súa terra. Ademais disto, no programa preséntanse distintos eventos culturais como a visita a ‘s-Hertogenbosch, capital da provincia do Brabante do Norte e outras actividades lúdicas como unha flashmob na que participarán todos os países, cancións con coreografías ou xogos no bosque. A hospedaxe será no pavillón da vila que cara a estes encontros aclimataron con liteiras e cociña. As datas deste ano, en agosto, cando normalmente a xuntanza se fai a finales do mes de xullo, imposibilitou que algúns dos rapaces de outros países poidan acudir o encontro, polo que se ampliaron as prazas.

Os mozos tan so deberán aboar unha pequena parte dos gastos da viaxe, xa que este proxecto está cofinanciado polo Programa Erasmus+.

De cara a un futuro, Lalín está pendente dun novo intercambio en outubro pertencente ao programa Europa para la ciudadanía, que segundo Julio Varela, responsable de Cirla, conta xa co visto bo do Concello e atópanse a espera de que se aproben as subvencións.