As primeiras proxeccións de cinema na comarca dezá correron a cargo de titiriteiros polas feiras e festas
13 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.The End, así remataban as películas americanas nas épocas douradas do cinema. E o fin chegou tamén o cine en Deza, ao pechar quizais para sempre, os multicines do Pontiñas en maio de 2014, o derradeiro reduto da sétima arte na comarca.
Nos seis concellos de Deza houbo quince cines ao longo de case un século. No municipio de Lalín temos referencias da existencia de sete salas, catro na vila e dous multicines e un en O Corpiño; en Silleda houbo tres, unha delas na Bandeira; cinco no de As Cruces das que tres funcionaron en Fontao e cada súa en Merza e na vila e unha en Agolada. Tanto en Rodeiro coma en Dozón, non temos noticias da existencia de ningún cine.
As primeiras proxeccións de cinema na comarca dezá correron a cargo de titiriteiros que andaban polas feiras e festas a primeiros do século XX ofrecendo películas de cine mudo en barracóns, tabernas e outros locais improvisados. Axiña algúns empresarios autóctonos viron no cine un bo negocio e comezaron a xurdir as primeiras salas nas vilas da comarca.
O pioneiro Cine Deza, no 1929
Vinte anos despois de que as primeiras salas de cine de Galicia comezaran a funcionar a capital de Deza íase sumar as xa numerosas vilas que contaban con esta daquela novedosa oferta de ocio. O primeiro cine do que temos constancia na comarca foi o que puxo a funcionar en Lalín, Leandro López del Río no ano 1929, segundo lembra o meu informador o ex notario lalinense Victorino Gutierrez Aller. Coa denominación Cinema Deza López del Río, que daquela rexia unha libraría, tentou chegar a un acordo co Casino de Lalín para facer as proxeccións os domingos e festivos no salón-teatro desta sociedade dando unha comisión pero os socios do votaron en contra. Por iso, alugou un baixo na casa que hoxe ocupa a Ferretería Santorum para proxectar as películas que primeiro eran mudas e logo xa serán sonoras. López del Río, vendería logo da guerra do ano 36 o negocio ao empresario lalinense Manuel Balado González coa nova denominación Cine Lalín.
Tamén por eses anos temos noticias de que outro empresario lalinense, Higinio Fernández Nóvoa puxo un cine nun edificio da súa propiedade preto da praza da Igrexa. Alí funcionaría deica os anos da Guerra do 36 con grande éxito de público. Na comarca por eses anos só en Silleda se proxectaban películas no café de Perfecto Pereiro.
Cine Lalín e o mural de Laxeiro
Xa na posguerra a principios da década dos 40 como indicamos comezou a funcionar o Cine Lalín da man do empresario Manuel Balado, quen prepara un edificio de tres plantas na rúa do Observatorio continuando coma Cine Lalín aínda que para moitos sería sempre o Cine de Balado. Para este edificio pintaría un fermoso mural o célebre pintor Laxeiro en 1941 que se perdería logo de ser sometido o edificio a unha reforma. O operador nos primeiros anos era Gustavo Pérez, daquela electricista e logo comerciante -segundo nos lembra a súa filla Maruja Pérez- e que contaba neste cometido coa axuda Xosé Luís Fernández O Encarnado, que se encargou de pintar os carteis a durante algúns anos antes de marchar para a Arxentina onde chegou a acadar sona neste oficio. No ano 1960 o edificio foi remodelado cun proxecto do arquitecto Emilio Quiroga, cun deseño que daquela rompía coa arquitectura cinematográfica galega tradicional de entón aportando novas formas e a combinación da pedra e o formigón. O cine botaría o pano no 2003 coa proxección da película Los lunes al sol, bo epílogo para deixar de funcionar sendo o edificio finalmente mercado por unha entidade de aforro conservándose aínda pero cun futuro sen expectativas.
«O Cubano» e o Español
No ano 1945 Celso Taboada Gómez O Cubano puxo en Lalín o Cine Español e tamén café e salón de baile co mesmo nome no edificio de Rielo que mercara na actual rúa Principal segundo lembra o fillo deste empresario, Carlos Taboada Arcos. O proxecto realizouno o arquitecto Enrique Alvarez-Sala y Moris e tres anos despois xa se solicita ao Goberno Civil permiso para unha reforma cun proxecto de Juan Argenti y Navajas. O encargado das proxeccións era o célebre Moneda que tiña un comercio de electricidade e trebellos varios e que tamén se ocuparía mais tarde das do Cine Lalín, cando a mediados dos anos cincuenta o referido Manuel Balado colle en aluguer este negocio que explotará coa axuda dos seus fillos -do proxector ocupábase Horacio Porral e de acomodadores eran Raúl e Angel Díaz Calviño Os Colóns- monopolizando por uns anos o negocio do cinema en Lalín. Nesta sala houbo numerosas representación teatrais e musicais cos mellores solistas e grupos dalgún tempo e mesmo foi usado conferencias e mitins ao longo dos anos. Deixaría de funcionar a finais dos 60 converténdose en discoteca que logo de sufrir un incendio o edificio que o acubillaba sería derrubado para construír un novo coas galerías comerciais Pelayo.
A finais dos corenta e principios dos cincuenta comezaban a funcionar os cines de Silleda, Fontao, Merza e Vila de Cruces aos que dedicaremos unha próxima reportaxe ao igual que as outras dúas salas de proxección que se inauguraron no municipio lalinense na década dos sesenta: o Cine Campos e o de O Corpiño.